A Pobra de Trives traballa para lograr a certificación de Sustentabilidade Turística

O Concello da Pobra de Trives, a través da súa Oficina de Turismo, traballa dende hai meses nun proceso orientado a acadar a certificación S de Sostenibilidade Turística, un recoñecemento que acredita o cumprimento de criterios de calidade e sustentabilidade na xestión turística municipal.
Segundo explicou o propio Concello, este proceso implica incorporar novos criterios e melloras na organización e no funcionamento do servizo, co obxectivo de modernizar a xestión, optimizar os recursos dispoñibles e reforzar a atención ás persoas visitantes, sen esquecer a posta en valor do patrimonio local e da oferta turística existente.
Dende a administración local defenden que se busca contar cunha “Oficina de Turismo preparada para os novos tempos”, máis eficiente, innovadora e comprometida coa calidade e a sustentabilidade do servizo.
O Concello recoñece que se trata dun traballo que “require tempo, planificación e constancia”, e asegura que, tras meses de avances, o obxectivo de acadar esta certificación está cada vez máis preto, na confianza de que o municipio “merece un turismo de calidade e un servizo á altura do seu potencial”.