A Pobra de Trives organiza unha xornada especial para vivir o eclipse total de Sol do 12 de agosto

RibeiraSacraXa
O Concello, en colaboración coa Estación de Montaña Manzaneda, prepara a Cabeza Grande como punto de referencia para contemplar o eclipse, cunha xornada que combina ciencia, música e actividades familiares
eclipse_trives_2026
11 Aug 2026

A Pobra de Trives ultima os preparativos para o vindeiro 12 de agosto, data na que o municipio poderá gozar dun eclipse total de Sol na súa totalidade. O Concello leva meses traballando nunha programación pensada tanto para a veciñanza como para as familias, e que ademais servirá de escaparate para o potencial astronómico e turístico da zona.

A iniciativa naceu da colaboración entre o Concello de Trives, o de Manzaneda e a Estación de Montaña Manzaneda, e sitúa a Cabeza Grande, na zona das antenas, como o gran punto de encontro da xornada. Aínda que hai moitos outros lugares do municipio desde os que se poderá seguir o fenómeno, este enclave foi escollido pola súa altitude, pola dispoñibilidade de aparcadoiro e porque permite concentrar todas as actividades programadas.

Un dos aspectos máis destacados é o acceso gratuíto ao telesilla da estación para todas as persoas empadroadas en Trives e Manzaneda. No caso trivés, o Concello entregará pulseiras identificativas a partir do luns 10 de agosto, ás 12.00 horas, nas súas oficinas, recomendando recollelas con antelación para axilizar o acceso o día do eclipse.

Durante a xornada, un experto guiará a observación do fenómeno, explicando as súas distintas fases tanto a afeccionados coma a curiosos. Para garantir a seguridade, o Concello repartirá lentes certificadas, primeiro entre a veciñanza empadroada e, se quedan unidades, por orde de solicitude. Tamén se prepararon lentes específicas para os máis pequenos, xunto cun pack de merenda-cea temático, xa que o eclipse coincidirá coa hora da cea. Estes packs poderán solicitarse previamente, con prioridade para os nenos e nenas do municipio.

A xornada completarase con música na zona baixa da estación, nunha proposta que quere unir astronomía, natureza e convivencia. Ademais, o evento encádrase na aposta de Trives polo astroturismo, ao contar co selo de Destino Turístico Starlight, e búscase que sirva para promocionar a observación do ceo como recurso turístico durante todo o ano.

A xornada non rematará coa posta de Sol: coincidindo coa época das Lágrimas de San Lourenzo, chegada a noite poderá gozarse tamén da chuvia de estrelas das Perseidas.

O interese xerado polo eclipse xa se nota no sector turístico local, cunha ocupación hoteleira próxima ao 100 % para esas datas. Desde o Concello destacan que o reto agora é que quen visite Trives por primeira vez con motivo do eclipse regrese despois para descubrir a montaña, o patrimonio, a gastronomía e o ceo nocturno do territorio.

0.14565086364746