A Pobra de Trives impulsa unha actividade de intelixencia emocional para nenos e nenas

O Concello da Pobra de Trives organiza unha actividade de intelixencia emocional dirixida á infancia no marco do Programa Corresponsables, unha iniciativa promovida e financiada con fondos do Ministerio de Igualdade do Goberno de España e canalizada a través da Xunta de Galicia co obxectivo de favorecer a conciliación familiar e promover a igualdade.
A actividade terá lugar o sábado 27 de xuño no Espazo Corresponsables, situado no Edificio Santa Leonor, e estará centrada en ofrecer ferramentas para que os nenos e nenas aprendan a identificar, expresar e xestionar as súas emocións dun xeito saudable.
A sesión estará dividida en dous grupos por idades. De 10.00 a 12.00 horas participarase o grupo de 4 a 7 anos, mentres que de 12.00 a 14.00 horas será a quenda do grupo de 8 a 12 anos. Trátase dunha actividade gratuíta dirixida a menores empadroados en Trives, aínda que será necesaria preinscrición previa antes do 22 de xuño no propio Concello, achegando os datos de contacto e a información básica dos participantes.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata esa data e as prazas asignaranse por rigorosa orde de chegada das solicitudes, ao tratarse dunha actividade con aforo limitado.