A Pobra de Trives e Manzaneda impulsan a certificación Starlight para converter a comarca nun referente do turismo astronómico

Os concellos da Pobra de Trives e de Manzaneda impulsan de forma conxunta a candidatura para obter a certificación como Destino Turístico Starlight, un recoñecemento internacional co que pretenden situar a comarca entre os principais destinos de turismo astronómico.
A iniciativa xorde por iniciativa de ambos os concellos e conta co traballo técnico da dirección da Estación de Montaña Cabeza Grande de Manzaneda, así como co financiamento de Turismo de Galicia. O proxecto busca poñer en valor a calidade do ceo nocturno da comarca mediante a colaboración entre as diferentes administracións e entidades implicadas.
A proximidade da eclipse total de Sol prevista para o vindeiro 12 de agosto reforza, segundo os promotores, o potencial da zona para consolidarse como un destino de referencia para o astroturismo. A altitude, a escasa contaminación luminosa e as condicións do ceo sitúan A Pobra de Trives e Manzaneda entre os lugares máis favorables de Galicia para a observación deste tipo de fenómenos astronómicos.
A obtención da certificación Starlight permitirá incorporar un novo recurso á oferta turística da comarca, que xa conta con atractivos vinculados á natureza, o deporte, o patrimonio, a gastronomía, o turismo activo e a Estación de Montaña Cabeza Grande de Manzaneda.
Os dous concellos consideran que se trata dun proxecto estratéxico para o futuro do territorio, orientado a impulsar o turismo astronómico, diversificar a oferta turística, favorecer a chegada de visitantes durante todo o ano e xerar novas oportunidades de desenvolvemento económico.
Segundo explican, os traballos realizados durante os últimos meses entre os concellos da Pobra de Trives e Manzaneda, a dirección da Estación de Montaña Cabeza Grande de Manzaneda e Turismo de Galicia permitirán que a certificación poida materializarse proximamente.
Con este paso, a comarca aspira a consolidarse como un dos principais destinos de turismo astronómico de Galicia e do noroeste peninsular, apoiándose na calidade do seu ceo nocturno como un dos seus principais recursos naturais.