A Pobra de Trives celebra esta fin de semana unha nova edición do Entroido de Verán

A Pobra de Trives volverá vivir esta fin de semana unha das citas festivas máis singulares do verán coa celebración do Entroido de Verán, unha programación que combinará tradición, música e animación nas rúas durante os días 8 e 9 de agosto.
As actividades comezarán o sábado 8 de agosto coa apertura do mercadiño ás 11.00 horas nas rúas da vila. Ao mediodía celebrarase a sesión vermú amenizada por Macizas Centrais e, entre as 17.00 e as 19.30 horas, o grupo REDEGAITA ofrecerá unha actuación na Praza Doutor Paz.
O domingo 9 de agosto continuará a programación coa reapertura do mercadiño ás 11.00 horas e unha nova sesión vermú, nesta ocasión coa actuación de Os Trintas a partir das 12.00 horas.
Pola tarde, ás 18.15 horas, terá lugar o desfile da carroza do campamento Os Enredos, que dará paso, quince minutos despois, ao tradicional desfile de folións polas rúas da localidade, un dos momentos máis representativos desta celebración. A programación rematará coa cea de folións en Santa Leonor.
O Entroido de Verán está organizado por O Trinco e conta coa colaboración de Macizas Centrais, veciñanza, asociacións, comerciantes, empresarios e o Concello da Pobra de Trives.