A Pobra de Trives celebra en novembro as súas xornadas micolóxicas con 11 locais participantes

RibeiraSacraXa
O XI Concurso de Tapa Micolóxica desenvolverase do 6 ao 8 de novembro e combinarase con saídas ao campo, unha exposición e unha comida gastronómica
cogomelos-micoloxia
6 Oct 2026

A Pobra de Trives volverá reunir gastronomía e micoloxía coa celebración das XXVI Xornadas Micolóxicas e do XI Concurso de Tapa Micolóxica do Club Montaña Trives. A programación desenvolverase do 6 ao 8 de novembro e contará coa participación de 11 establecementos hostaleiros.

O concurso de tapas arrancará o venres 6 de novembro ás 20.00 horas. Cada un dos locais participantes ofrecerá unha tapa micolóxica por 2,20 euros. As persoas que participen como xurado popular poderán votar as propostas mediante as papeletas e urnas habilitadas nos propios establecementos, valorando tanto a presentación como a elaboración.

As papeletas que reúnan os nove selos dos locais participantes entrarán no sorteo que se celebrará o domingo 8. Entre os premios figuran unha cesta gourmet, un kit completo de micoloxía e ceas para dúas persoas nos establecementos participantes.

O sábado 7 a programación incluirá unha charla no IES Germán Ancochea Quevedo impartida pola asociación micolóxica ‘Os Cogordos’. A continuación realizarase unha saída ao campo para buscar exemplares, que posteriormente formarán parte dunha exposición instalada no patio interior do Pazo da Casa Grande de Trives. A mostra poderá visitarse ata as 18.00 horas do domingo.

A actividade micolóxica continuará tamén coa tradicional comida gourmet, prevista para o mediodía do sábado no Restaurante A Viuda de Trives. O menú estará composto por catro pratos elaborados con diferentes variedades de setas premium e terá un prezo de 40 euros por comensal.

As entradas para esta comida están dispoñibles na cafetería Sky e no Restaurante A Cantina do Catro da Pobra de Trives. Tamén se pode realizar a reserva a través do correo electrónico club.montana.trives@gmail.com.

O domingo 8 rematará o concurso de tapas ás 15.00 horas, momento a partir do cal se realizará o reconto das papeletas. A entrega de premios terá lugar ás 18.00 horas no patio interior da Casa Grande de A Pobra de Trives, onde se distinguirán os tres locais máis votados en cada categoría.

Ao remate da entrega de premios celebrarase tamén o sorteo dos agasallos entre as persoas que participaron como xurado popular.

Para resolver dúbidas ou obter máis información, o Club Montaña Trives habilita o teléfono 660 407 301.

0.1496479511261