A plataforma veciñal Pacto Frente Eólicos denuncia presións tras a apertura dunha causa xudicial no Saviñao

Un procedemento xudicial relacionado con responsables municipais do Saviñao entrou nunha nova fase tras ser trasladado aos xulgados. Segundo informou a plataforma veciñal Pacto Frente Eólicos, a causa ten a súa orixe nunha denuncia presentada ante a Fiscalía contra Delitos da Administración Pública por dous dos seus integrantes, un deles a súa fundadora, en relación coa actuación da alcaldía e doutros cargos públicos do municipio.
Segundo a información trasladada pola plataforma, a denuncia sinala presuntas irregularidades relacionadas coa xestión de intereses vinculados a proxectos eólicos, así como con outras áreas da actividade municipal, entre elas obras públicas. Tras unha primeira fase de investigación, o Ministerio Fiscal decidiu o pasado 20 de outubro levar o asunto á vía xudicial mediante a interposición dunha querela, na que figura como parte denunciante xunto cos propios veciños promotores da denuncia.
O contido concreto da querela, así como a determinación de responsabilidades, corresponde agora á vía xudicial, que deberá esclarecer os feitos ao longo do procedemento.
Presións denunciadas polos promotores da causa
A plataforma veciñal sostén que as persoas que impulsaron a denuncia sufriron presións e situacións de acoso a raíz da súa decisión de acudir á Xustiza. Pacto Frente Eólicos defende que o exercicio do dereito a denunciar posibles irregularidades non debería supoñer unha carga persoal, profesional ou económica para ningún veciño.
Un clima que, segundo a plataforma, freña a participación cidadá
Pacto Frente Eólicos explica que durante este tempo se intentou promover unha alternativa política independente para dar voz aos veciños que reclaman outra forma de xestión municipal, baseada na transparencia e a participación. Segundo a súa versión, o temor a posibles represalias dificultou que moitas persoas que amosaban o seu apoio desen o paso de participar abertamente, polo que esa iniciativa non chegaría a consolidarse.
A plataforma asegura que esta situación levou a algúns veciños a prantexarse abandonar o municipio para desenvolver os seus proxectos profesionais e empresariais noutro lugar, ao non atopar, segundo afirman, as condicións necesarias para emprender con liberdade e garantías en O Saviñao.
Desde Pacto Frente Eólicos insisten na súa confianza en que o procedemento xudicial siga o seu curso con independencia e rigor.