A piscina municipal de Monforte pechará temporalmente por traballos de mantemento entre o 29 de xuño e o 3 de xullo

RibeiraSacraXa
A interrupción afectará unicamente á piscina, mentres que o ximnasio, os vestiarios e o resto das instalacións continuarán funcionando con normalidade
piscina-municipal-monforte
26 Jun 2026

O Concello de Monforte anunciou a interrupción temporal do servizo da piscina municipal debido á realización de diferentes actuacións de mantemento e conservación nas instalacións. O peche ao público prolongarase desde o luns 29 de xuño ata o 3 de xullo.

Desde a administración local explican que estas actuacións se levan a cabo de forma periódica cando resulta necesario para garantir o correcto funcionamento das instalacións e manter a calidade do servizo prestado ao longo do ano.

A medida afectará exclusivamente á piscina municipal, xa que o resto dos espazos, entre eles o ximnasio e os vestiarios, permanecerán abertos ao público no seu horario habitual.

Os traballos previstos inclúen tarefas de revisión e posta a punto de equipos, sistemas e infraestruturas, ademais de actuacións preventivas e correctivas. Entre elas figuran labores específicas de limpeza, desinfección e comprobación dos sistemas de auga das instalacións, actuacións que requiren a suspensión temporal da actividade para poder desenvolverse nas condicións axeitadas.

Unha vez rematadas estas intervencións, a piscina municipal retomará a súa actividade cunha programación específica para a tempada estival. O Concello avanza que esta oferta incluirá distintas modalidades adaptadas ás necesidades das persoas usuarias co obxectivo de ofrecer unha alternativa deportiva e saudable durante os meses de verán tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes.

O alcalde trasladou tamén o seu agradecemento á cidadanía pola comprensión ante esta interrupción temporal, destacando a importancia destas actuacións para garantir o bo estado das instalacións e manter unha prestación óptima do servizo.

0.1302227973938