A película Tres chega o sábado 26 á casa da cultura da Pobra do Brollón
A película Tres de Juanjo Giménez, escollida como Mellor longametraxe nos XX Mestre Mateo, é a que se poderá ver o 26 de novembro dentro do Ciclo Mestre Mateo.
Proxectarase a partir das 20.15 horas na Casa da Cultura Olga Novo. O filme relata a inquietante historia dunha deseñadora de son que pasa horas no seu estudo onde posterga as avariadas relacións coa súa exparella, a súa nai e cos compañeiros de traballo. Pero o seu cerebro está comezando a desincronizarse...
O Proxecto Ciclo Mestre Mateo
A Academia Galega do Audiovisual co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña, a vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Deputación de Pontevedra e a Deputación de Ourense impulsan este programa de cinema dirixido a concellos e vilas que desexen incluír na súa oferta cultural o máis destacado do audiovisual galego actual.
Froito da colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración o Ciclo Mestre Mateo tamén está presente nas Comunidades Galegas do exterior.
Esta iniciativa é posible grazas a implicación de persoas apaixoadas pola cultura e o cinema que, coa súa xenerosidade, axudan a materializar o proxecto.
Os obxectivos do Ciclo Mestre Mateo son: facilitar o acceso da cidadanía ao cinema galego, favorecer as proxeccións públicas como actividades colectivas que crean comunidade arredor do cine, contribuir á diversificación das ofertas culturais de concellos e vilas, fomentando hábitos de consumo de programación audiovisual galega e poñer en valor o talento creativo de artistas e profesionais do sector audiovisual.
Grazas ó apoio das institucións implicadas, as películas que conforman a programación chegan a unha rede de salas espalladas por Galicia, Europa e América Latina, facilitando ó público a oportunidade de gozar do noso cinema en pantalla grande.