A orquestra Panorama actuará en Chantada na III Festa da Xuventude, que incorpora pregón a cargo de Elysoal

O Concello de Chantada, a través da Concellería de Xuventude, celebrará este venres 8 de maio a terceira edición da Festa da Xuventude, unha cita que chega con novidades na súa programación e cambios na organización dalgunhas das súas actividades principais.
A explanada da rúa Taboada será o escenario central do evento, onde se concentrarán as actuacións musicais. Como novidade desta edición, ás 23:00 horas incorporarase un pregón da festa, que correrá a cargo de Elysoal, exintegrante da orquestra Panorama.
A programación dará comezo ás 20:30 horas coa charanga Mekanika Rolling Band, que animará as rúas da vila ata as 23:00 horas. A continuación, tras o pregón, a orquestra Panorama actuará entre as 23:10 e as 02:00 horas, mentres que a partir desa hora a orquestra La Fórmula continuará a festa no entorno do pavillón municipal.
Co obxectivo de facilitar a asistencia, o Concello manterá o servizo de Noite Bus, con catro rutas que conectarán diferentes puntos da contorna, adaptadas aos horarios do evento.
Desde a Concellería de Xuventude destácase que a festa está pensada para un público amplo, especialmente xuvenil, e anímase á participación nesta proposta de lecer nocturno.