A oposición fala: Por Chantada e o PSOE en Chantada

RibeiraSacraXa
Por Jessica Fernández.
oposición Chantada
14 Abr 2024

Por Jessica Fernández.

Por Chantada nace no ano 2015 “como unha forza independente e local" da man de Antom Fente e Mariano López representa ao Partido Socialista desde esta lexislatura, comezada en 2023.

Antom Fente, portavoz de Por Chantada – Interior Galego Vivo, comezou a desenvolver o “sentido da xustiza social e o interese polo ben común” na adolescencia e sostén que, como seres sociais, “somos seres políticos”, tal e como dicía Aristóteles. Por Chantada nace no ano 2015 “como unha forza independente e local na secuencia da crise de lexitimidade que tiñan os partidos tradicionais a partir da crise de 2008. Non nos valían os espazos existentes e entendiamos que debiamos artellar a pluralidade de a democracia directa nun proxecto aberto e ao servizo de toda a veciñanza. Cos anos fomos coñecendo opcións municipalistas semellantes e configurando un proxecto coherente e aglutinador para o rural que é Interior Galego Vivo, sendo unha honra poder ser o seu coordinador xeral”, explica. Así, o mesmo ano de formación do partido concorreron ás eleccións municipais de 2015 e comezou o seu labor de concelleiro, que segue ata o día de hoxe; en 2019 coa compañeira Cruz Fernández e en 2023 con Helena Fernández e Ibán Ratón. “A verdade que é un luxo poder coordinar unha equipa así e agardamos poder seguir sumando apoios da veciñanza para manter este crecemento exponencial”, explica.

Pola súa parte, Mariano López representa ao Partido Socialista no municipio de Chantada, sendo esta lexislatura, desde 2023, a primeira na que é concelleiro, aínda que leva afiliado ao PSOE desde os anos 90: “Sempre crin no proxecto progresista do PSOE vinculado á igualdade de oportunidades e que fomenta o sector público, xa que eu traballo en Unións Agrarias e vai acorde con estes valores”.

Desta maneira, o labor de oposición por parte dos socialistas en Chantada consiste na “fiscalización das accións do Goberno municipal e aportar ideas, mocións e buscar solucións aos problemas do municipio, que está envellecido e no que a natalidade é moi baixa”. Ademais, sostén que “necesita emprego e de calidade, xente nova, servizos, resolver a problemática que hai no centro de saúde...”. Entre as propostas feitas e que saíron adiante, destacan a posta do nome 8M na rúa onde se atopa o CIM de Chantada e a aposta da recuperación da muiñeira de Chantada como patrimonio inmaterial. En definitiva, “ese é o traballo que facemos no día a día, contundente e construtivo”.

Antom Fente defende que o papel da oposición por parte de Por Chantada é “construír unha maioría alternativa demostrando que hai un programa e un proxecto solvente alternativo ao do bipartito PP-Inta que fai esmorecer o noso concello e dilapida as potencialidades que timos. Para isto escoitar a veciñanza e achegarnos aos problemas das 36 parroquias e dos 8.000 veciños e veciñas é o fundamental, sen esquecer a defensa do ben común e dos intereses da maioría social, e non só intereses privados ou parciais que marcan a axenda da actual Alcaldía. Por iso o control e o seguimento do labor do Goberno é esencial, fiscalizando as súas actuacións”, argumenta. Ademais, cre que “o Goberno debe tentar executar o seu programa escoitando a veciñanza e actuando desde a ética e o ben común; mentres que a oposición debe velar polo correcto funcionamento dos servizos e da institución, pola transparencia e a legalidade, polas contas certas e por tentar presionar para que partes do seu programa se integren na axenda da maioría gobernante”.

A OPOSICIÓN NA VIDA DAS PERSOAS

Para ámbolos dous representantes políticos da oposición de Chantada, o máis importante é escoitar aos veciños. Así, Mariano López destaca que “falamos coas distintas asociacións e temos contacto directo cos veciños, escoitando o que nos din e vendo as deficiencias que hai nas vías, nas parroquias... Ocupámonos do día a día e estamos atentos para traballar constantemente conxuntamente cos veciños para que nos digan as necesidades que teñen e nós poder darlles información ou intentar solucionar os seus problemas”.

Antom Fente engade que “desde o comezo apostamos pola transparencia e a información. A pesar das continuas pexas á hora de trasladar información desde o Goberno municipal, a veciñanza sabe que moitas veces é máis fiable e rápido informarse dun asunto dirixíndose a nós que ao propio Concello. Entendemos que o sentido da nosa existencia debe ser acompañar nas demandas ás veciñais e naquelas loitas que se dean pola mellora do que é de todos. Iso traducímolo, xunto ao noso programa elaborado un xeito participativo e horizontal, en mocións, rogos, preguntas, etc.”, argumenta.

Concretando, Fente destaca as necesidades do municipio de Chantada, que están relacionadas coa “demotanasia, un elevado índice de avellentamento e na mingua de poboación que nos vai facer baixar dos 8000 habitantes por primeira vez na historia”. Así, explica que sen xente non hai futuro, non hai dinamismo económico, non hai paisaxe e as propiedades non teñen valor podendo ser acaparadas a prezos moi baixos por capital e intereses alleos ás nosas comunidades”. Por iso, desde Por Chantada apostan por políticas para converxer con outros territorios e evitar que o groso da pouca mocidade que timos se vaia, apostan polo sector primario e por fixar poboación das parroquias retroalimentando as potencialidades agro-alimentares e de transformación do polígono dos Acrivros e propoñen traballar colectivamente por un futuro digno que permita manter as parroquias e actividade no territorio con servizos dignos. “Todas as persoas sabemos que na vida hai que tomar decisións e facer escollas e non sempre é doado facer a escolla certa, mais tamén sabemos que quen non arrisca non petisca. . É hora de dar paso a outras persoas e ideas ou resignarse a esmorecer algo ao que nos negamos cada vez máis persoas no interior galego, por iso a participación activa en IGV non para de incrementarse”.

Pola súa parte, para o portavoz socialista as necesidades son promover axudas á natalidade, tomar medidas para que a auga non se perda, “xa que vai ser un ben escaso e debemos promover que chegue a todas as casas, que non haxa fugas e perdas e poder almacenala, converténdonos nun referente na xestión da auga”; e, por último, destacan a necesidade de crear emprego, “porque se non, é imposible fixar poboación. Hai que promover un proxecto de emprego e desenvolvelo no polígono, ampliándoo e promovendo iniciativas para asentar empresas”, explica.

A POLÍTICA NO PERSOAL

Para López, a política é “un compromiso co teu Concello, coa vida do municipio e cos teus veciños. Faise de xeito voluntario, non nos obriga ninguén, polo que é un compromiso serio e sensato cos veciños e as parroquias”. Por iso, explica que “isto é nun momento determinado da miña vida e estarei aquí, como moito, dúas lexislaturas, porque é unha dedicación diaria, 365 días ao ano e 24 horas ao día. Os ciclos políticos non deben ser longos se traballas de verdade, tanto no Goberno como na oposición, xa que o compromiso é ao 100 % e desgasta”.

Con respecto a Antom Fente, di que “a participación activa, entendida como servizo público, no combate político e nas institucións esixe numerosos sacrificios: familia, tempo e cartos”. Di que “foi duro compaxinar vida laboral e política, mais había moito que facer e polo que loitar”. Por outra parte, destaca que “ non é o mesmo ser concelleiro nunha forza independente, onde o único horizonte é mellorar a vida das persoas que te rodean, que noutros partidos onde non hai postos ou ascensos aos que aspirar ou mesmo onde hai persoas con remuneración. Actualmente, Por Chantada é a única forza onde ninguén vive da política e que non ten “liberados”, é dicir, persoas que traballen para o partido con remuneración”, explica. Así, comparte co portavoz socialista a súa visión de “desgaste”: “Hai que telo moi claro e asumir que é un desgaste continuo e moi forte que non calquera persoa está en condicións de padecer. Por iso, vaia o meu recoñecemento a todas esas concelleiras e concelleiros que nos concellos do rural combaten a lacra do caciquismo sen máis alento que o daquelas persoas que os apoian, ese é o “beneficio” real: facer comunidade, construír país e dar futuro aos que veñan despois de nós. Nun mundo onde semella que o carto é o deus omnipotente os valores e a comunidade son a esperanza no porvir”, destaca.

Para rematar, López sostén que desde o PSOE aspiran a ser a primeira forza política no Concello “e imos pelexar por elo, pero se non o somos, chegaremos a acordos, xa que cremos que é importante un cambio no municipio con forzas de esquerdas, a pesar de ter puntos de vista diferentes, nós queremos buscar o mellor para Chantada”, sostén.

Pola súa parte, Fente sostén que “coas miñas compañeiras e compañeiros seremos capaces de que máis veciñas e veciños se acheguen a nós para construír unha maioría de goberno que nos permita cambiar as cousas en Chantada e mellorar”. Ademais, queren “erguer unha voz política para as comarcas rurais, non só centrada en denunciar os nosos problemas específicos, senón tamén en demandar e propor solucións reais aos problemas que temos e que non se entenden desde os despachos de Madrid e Santiago. Queremos ter futuro digno na nosa terra: nada máis dramático que ter que reivindicar algo tan elemental e inherente á natureza humana no século XXI”, conclúe.

0.13349986076355