A nova Ponte do Malecón supera todos os trámites sectoriais e avanza cara á súa construción en Monforte

O proxecto da nova Ponte do Malecón deu un paso decisivo despois de que o Concello de Monforte recibise a autorización da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, o último informe sectorial pendente para poder continuar coa súa tramitación administrativa.
O alcalde, José Tomé, anunciou que a resolución entrou este 6 de agosto no Rexistro municipal a través da sede electrónica, polo que o proxecto conta xa co visto e prace de todos os organismos competentes, incluídos os informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.
Segundo explicou o rexedor, a obtención deste permiso permite avanzar nun proxecto que considera fundamental para a cidade. Neste sentido, sinalou que “a Ponte Vella xa ten máis cerca ser peonil, un proxecto que este Alcalde quere levar a cabo con determinación e que ningún Alcalde anterior atreveuse a facer, pero agora si”.
A futura infraestrutura conectará as rúas Santa Clara e Corredoira co Paseo do Malecón e permitirá desviar parte do tráfico rodado que actualmente circula pola Ponte Vella, facilitando a súa peonalización. José Tomé sostén que “a nova Ponte vai respectar o entorno do Malecón, mantendo a zona verde, mantendo as árbores de ribeira do río Cabe como están agora e que vai mellorar moito as comunicacións entre o Malecón e a zona do Hospital, reducindo o tráfico de vehículos na rúa Hortas e no centro da cidade”.
O alcalde tamén puxo en valor o deseño escollido para esta infraestrutura, inspirado na antiga Ponte de Ferro que existiu no lugar da actual Ponte Nova da avenida de Galicia. “A nova Ponte vai ser espectacular, unha ponte de cidade e que recupera parte da nosa historia, reproducindo a Ponte de Ferro que había no lugar actual da Ponte Nova na avenida de Galicia”, afirmou.
Na súa resolución, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil conclúe que a actuación é compatible co réxime hidráulico do río Cabe e coa planificación hidrolóxica vixente, sen apreciar afeccións incompatibles ao dominio público hidráulico nin incumprimentos do principio de non deterioración da masa de auga, polo que autoriza a execución da obra.
Superada esta fase, o procedemento queda xa en mans do Concello. Os seguintes pasos incluirán a aprobación inicial do proxecto, a súa exposición pública para a presentación de posibles alegacións, a resolución destas no caso de que existan, a aprobación definitiva e, finalmente, a licitación das obras.
O Goberno local prevé iniciar estes trámites despois do período vacacional e das festas patronais, unha vez se reincorpore o persoal municipal implicado na tramitación. A intención do Concello é publicar a licitación antes de rematar 2026 e adxudicar as obras arredor do mes de abril do próximo ano.
O proxecto nace do concurso de ideas convocado en 2020 para definir a nova infraestrutura. A ponte terá unha estrutura inspirada na antiga Ponte de Ferro, pero adaptada ás necesidades actuais, con dous carrís de circulación de 3,5 metros de ancho, un por cada sentido, e dúas beirarrúas de 2,5 metros para favorecer o tránsito peonil.
Segundo destaca o alcalde, a entrada en funcionamento desta nova conexión permitirá converter a Ponte Vella nun espazo exclusivamente peonil, contribuíndo á conservación deste monumento histórico, declarado Ben de Interese Cultural.