A nova comisaría de policía de Monforte estará lista en 2026

RibeiraSacraXa
A reconversión da antiga Casa de Socorro no edificio da nova Comisaría de Policía Nacional de Monforte ten un custo total de 4 millóns de euros
José Tomé e Pedro Blanco supervisan os traballlos da nova comisaría de Monforte
José Tomé e Pedro Blanco supervisan os traballlos da nova comisaría de Monforte
19 Nov 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, supervisou este luns, xunto ao Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco e o xefe superior da Policía Nacional de Galicia, Pedro Jesús Pacheco, as obras da nova comisaría da Policía Nacional de Monforte.

Tamén asistiron a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Obras e Servizos, José Luís Losada, o Comisario xefe da Policía Nacional na provincia de Lugo, José Luis Romera, e o Xefe accidental da Policía Nacional de Monforte, Celso Dacal.

Na súa intervención ante os medios de comunicación, José Tomé amosou a súa satisfacción “xa están en marcha as obras para que a nova Comisaría da Policía Nacional de Monforte conte cunhas instalacións, modernas, funcionais, sostibles e ó servizo dos veciños e das veciñas da cidade, en definitiva, que conte cunha sede propia, que estou seguro de que afianzará a presencia da Policía Nacional no noso concello e ademais Monforte conta cunha nova dotación. Así que estamos todos de noraboa, todos os veciños e veciñas de Monforte”.

Para satisfacer as necesidades do Corpo Nacional de Policía no municipio, o Concello de Monforte cedeu gratuitamente un edificio, así como a parcela que o alberga, para a súa reforma e utilización como Comisaría de Policía. O edificio está situado na Avenida de Galicia, número 73-77, cunha superficie construída de 1.822 m2 e situado nunha parcela cunha superficie de 2.282 m2, coñecido como a “antiga Casa de Socorro”.

Por iso, que a antiga casa de Socorro albergue as novas instalacións desta comisaría, “é un logro que é froito do empeño do alcalde, José Tomé Roca, que dende o principio do seu mandato traballou e fixo as xestións necesarias para que a nova Comisaría de Policía se instalase neste antigo edificio sanitario da cidade”, explican desde o Concello. Neste senso, lembrou José Tomé, que “levábase en Monforte 40 anos falando da situación da nova Comisaría, que chegou a ter ata 3 posibles localizacións, pero humildemente foi este alcalde quen traballou para acadar a localización actual, na que vemos que as obra avanzan a bo ritmo, e que se prevé que rematen a finais de 2025, co que a nova Comisaría estará operativa a principios de 2026.”

Neste senso, o Delegado do Goberno e o Xefe Superior da Policía Nacional agradeceron as xestións do Alcalde de Monforte na consecución da nova comisaría da policía nacional en Monforte, e salientaron que cedera tanto o edificio como a parcela que albergará as novas instalacións.

“Con esta infraestrutura, e grazas á axilidade do Ministerio á hora de iniciar as obras, respondemos a unha vella demanda dos monfortinos. Unha demanda que non sería realidade sen a implicación do alcalde e a colaboración do Concello de Monforte, cedendo gratuitamente os terreos e o edificio para construír esta dotación”, indicou o Delegado.

Antecedentes

A comisaría local do Corpo Nacional de Policía de Monforte de Lemos (Lugo) atópase desde o ano 1998 nun antigo inmoble de vivendas en réxime de alugueiro situado na confluencia da rúa Miguel de Cervantes 1 e Avenida de Galicia 93, nun bloque de 4 alturas con 700 m2 de superficie construída e sen garaxe, tras o traslado forzoso desde a súa antiga localización como consecuencia da súa declaración de ruína.

O Corpo Nacional de Policía ten a necesidade de contar cunhas instalacións que aloxen os servizos, medios persoais e medios materiais no seu despregamento territorial na localidade de Monforte de Lemos.

A carga onerosa resultante do arrendamento do edificio, as obsolescencias dos seus equipamentos e instalacións, así como as deficiencias funcionais e espaciais dos lugares onde na actualidade se viña prestando o servizo policial, requiren a adopción de novas solucións que garantan a operatividade e melloren a calidade do servizo público encomendado.

Solución

Para satisfacer as necesidades do Corpo Nacional de Policía no municipio, o Concello de Monforte cedeu gratuitamente un edificio para a súa reforma e utilización como Comisaría de Policía, situado na Avenida de Galicia, número 73-77 desa localidade, cunha superficie construída de 1.822 m2 situado nunha parcela cunha superficie de 2.282 m2.

Este inmoble coñecido como a “antiga Casa de Socorro” permite satisfacer as necesidades operativas e loxísticas dunha comisaría local, sendo a súa localización céntrica e próxima á sede actual. O edificio está composto por un semisótano, unha planta baixa, unha planta alta e unha planta baixo cuberta.

A antiga Casa de Socorro incorporouse en abril de 2024 ao rexistro de propiedades do Estado, previo acordo de cesión por parte do Concello de Monforte. Concluíu así o proceso iniciado polo goberno de José Tomé no ano 2015 ó solicitar á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia a reversión desa propiedade, na que xa só funcionaba ata a unidade de drogodependencias.

Situación actual

A licitación do proxecto fíxose en decembro do 2023 por un prezo de saída e 4.695.510 euros. Ao concurso para a reforma da antiga casa de socorro da avenida de Galicia presentáronse 11 ofertas.

O Ministerio do Interior formalizou o contrato das obras da nova Comisaría de Policía de Monforte en xuño do 2024 coa empresa Ogmios Proxecto.

Ademais, o Ministerio de Interior formaliza a dirección técnica das obras o 1 de xuño de 2024 coa firma Unspyra Servicios Técnicos, por valor de 140.000 euros. O prazo de execución é de 13 meses e a adxudicación realízase por un importe de 3.672.350 euros. Polo tanto, a reconversión da antiga Casa de Socorro no edificio da nova Comisaría de Policía Nacional de Monforte ten un custo total de 4 millóns de euros.

No mes de maio de 2022, o Goberno de José Tomé concedera a licencia de obra para iniciar os traballos de construción da nova Comisaría da Policía Nacional en Monforte, logo do informe favorable que os técnicos municipais levaron a cabo sobre o proxecto da nova comisaría presentado pola Direc-ción Xeral da Policía Nacional.

0.17405796051025