A "Noite dos Morcegos" chega á Pobra do Brollón

RibeiraSacraXa
A proposta terá lugar este venres e busca achegar á cidadanía ao papel fundamental destes mamíferos no equilibrio dos ecosistemas e na conservación da biodiversidade
noite-dos-morcegos-brollon
7 May 2026

A Casa da Cultura Olga Nov de A Pobra do Brollón será escenario este venres 8 de maio dunha proposta de divulgación ambiental centrada no coñecemento e observación dos morcegos, unha actividade que se desenvolverá entre as 20:00 e as 24:00 horas.

A iniciativa, de carácter participativo, busca achegar á cidadanía ao papel fundamental destes mamíferos no equilibrio dos ecosistemas e na conservación da biodiversidade.

O programa abrirase cunha presentación inicial a cargo de Ramsés Pérez, tras a cal terá lugar unha charla centrada nos quirópteros e no bosque de ribeira, impartida por Xosé Pardavila, integrante de SOREX. A actividade combinará explicacións científicas con contidos divulgativos para facilitar a comprensión do papel destas especies nos ecosistemas locais.

Ao longo da noite tamén se ofrecerá unha pequena merenda para as persoas asistentes. O momento central da xornada será unha actividade de seguimento e observación de morcegos no seu hábitat natural, na que o público poderá coñecer de preto o comportamento destas especies mediante técnicas de monitorización.

A proposta pretende reforzar a conciencia ambiental e poñer en valor a importancia da conservación da fauna nocturna, ofrecendo unha experiencia directa de contacto coa natureza.

0.13210701942444