A “Nocturna do Xeoparque” regresará o 3 de outubro a Ribas de Sil

O vindeiro sábado 3 de outubro de 2026 celebrarase unha nova edición de “A Nocturna do Xeoparque”, unha proba deportiva que percorrerá os sendeiros do Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel, con saída e desenvolvemento en San Clodio e percorridos por enclaves como A Moa.
O evento está organizado pola Quiroga Trail Challenge e busca consolidarse como un referente deportivo e, ao mesmo tempo, como motor de dinamización socioeconómica para as comarcas de Quiroga e Ribas de Sil.
Un dos eixos centrais desta edición será o impulso do deporte base a través das Carreiras Picariñ@s, unhas probas gratuítas e non competitivas dirixidas a menores de ata 11 anos. A organización destaca o seu papel para fomentar hábitos de vida saudables desde a infancia, promover o respecto polo medio natural e favorecer o contacto coa natureza a través do deporte.
A nivel organizativo, a Quiroga Trail Challenge, avalada pola súa experiencia en eventos como o Trail do Castelo ou o Trail do Lor, será a encargada de garantir a seguridade e a loxística da proba. O percorrido principal, de 16 quilómetros e 1.150 metros de desnivel positivo, requirirá material obrigatorio como frontais e mantas térmicas e forma parte do circuíto da Súperliga Galega de Trail e CxM.
O trazado permitirá aos participantes percorrer espazos de alto valor paisaxístico e xeolóxico do Xeoparque, nunha experiencia nocturna pola contorna de Ribas de Sil e o seu patrimonio natural.
Ademais do aspecto deportivo, a organización subliña o impacto económico do evento na zona, destacando a chegada de deportistas e acompañantes de distintos puntos da península. Este fluxo repercute, segundo indican, na hostalería e restauración, no comercio local e na promoción de produtos artesanais e vitivinícolas, contribuíndo tamén á desestacionalización do turismo no interior de Galicia.
A proba contará con varias modalidades: un trail longo de 16 km, un trail curto de 10 km, unha andaina de 8 km e as carreiras infantís. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 25 de setembro de 2026.