A música tradicional protagonizará unha foliada nas adegas medievais de Vilachá

O conxunto de adegas medievais da Abelaira, en Vilachá de Salvadur, no municipio da Pobra do Brollón, acollerá o vindeiro venres 31 de xullo unha nova foliada que combinará música tradicional, baile e convivencia nun dos espazos máis emblemáticos da Ribeira Sacra.
A cita dará comezo ás 20.00 horas e contará coa actuación de Os Ministreles, unha agrupación de música tradicional galega coñecida polo seu repertorio festivo e participativo, pensado para animar ao público a cantar e bailar durante toda a xornada.
A actividade pretende poñer en valor o patrimonio etnográfico e cultural das adegas medievais de Vilachá, ao tempo que promove a música tradicional galega e ofrece unha oportunidade para gozar dun encontro aberto á veciñanza e aos visitantes nun enclave de gran valor histórico e paisaxístico.