A maleta viaxeira contra a violencia de xénero chega á Biblioteca Municipal de Monforte

RibeiraSacraXa
A subdelegada do goberno de Lugo, Isabel Rodríguez, fixo entrega de 11 libros para uso da biblioteca municipal monfortina
Biblioteca Municipal de Monforte
25 Out 2024

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou hoxe en Monforte a necesidade de formar á sociedade en igualdade a través da lectura de textos feministas que contribúan a rematar con comportamentos sexistas e pouco igualitarios. Así o afirmou nunha nova entrega de libros da MAVI, a maleta viaxeira contra a violencia de xénero, acompañada pola xefa da Unidade de Violencia contra a Muller da Subdelegación, Maria Luisa Castro, a tenente de alcalde de Monforte, Gloria Mª Prada, e a concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López.

A subdelegada fixo entrega de 11 libros para uso da biblioteca municipal monfortina, celebrando a boa acollida que está a ter o programa na provincia. Salientou neste senso a pegada que pode deixar este recurso “empregado para remover conciencias e cambiar hábitos machistas aínda presentes nunha sociedade que a día de hoxe segue marcada polas conductas sexistas e patriarcais”.

Isabel Rodríguez agradeceu “a receptividade da tenente de alcalde e a concelleira para desenvolver este programa, pois desde o Goberno traballamos man a man cos concellos para abordar esta cuestión de estado, creando conciencia sobre un problema que nos afecta a todas e todos, e que ademais é un asunto que segue á orde do día e que continúa a provocar sufrimento e desigualdade en todo o país”, manifestou a subdelegada.

Así, lembrou que na loita contra este tipo de violencias é indispensable a educación e o fomento da lectura. “É por iso que se entregan estes libros que estarán á disposición da cidadanía na biblioteca pública municipal, e que favorecen un pensamento crítico e de adopción dunha actitude de repulsa ante comportamentos que perpetúan os estereotipos e roles de xénero”.

MAVI

Neste ano 2024 as 3 maletas MAVI da Subdelegación do Goberno en Lugo percorreron distintos concellos da provincia, como Trabada, Cervantes, Barreiros, Chantada, e agora Monforte, cun total de 36 libros a disposición das persoas interesadas. A maleta entregada esta mañá conta con once libros, incluíndo un diario onde expresar reflexións e opinións sobre os mesmos.

Entre os títulos que garda a maleta de Monforte están “¿Hay algo más aburrido que ser una princesa rosa?”, de Raquel Díaz Reguera; “La cenicienta que no quería comer perdices”, de Nunila López e Miriam Cameros; “Todos deberíamos ser feministas”, de Chimamanda Ngozi; “Las chicas son guerreras: 26 rebeldes que cambiaron el mundo”, de Irene Cívico e Sergio Parra; “Mi marido me pega lo normal”, de Miguel Lorente Acosta; “Infamia”, de Ledicia Costas; “Amelia: historia de una lucha”, de Amelia Tiganus; “Cansadas”, de Nuria Varela; “Aqueles días en que eramos malas”, de Inma López Silva”; “Rosalía feminista”, de Helena González Fernández e “As miñas fillas de volvéronme a vida”, de Inés Fernández Lamela.

1.7095890045166