A lagoa do parque dos Condes está a ser limpada polas brigadas municipais de Monforte

RibeiraSacraXa
“A lagoa é un dos espazos máis emblemáticos da nosa cidade", explica o alcalde da cidade do Cabe, José Tomé Roca
limpeza-lagoa-do-parque-dos-Condes-de-Monforte
limpeza-lagoa-do-parque-dos-Condes-de-Monforte
25 Xuño 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, vén de informar que as brigadas municipais do Concello iniciaron os traballos de limpeza e acondicionamento da lagoa do Parque dos Condes. Neste labor de limpeza contan co apoio da empresa Excavaciones y Transportes Ayán S.L.

“A chegada de visitantes, co inicio dos meses de verán e a ubicación privilexiada da Lagoa, no centro da cidade e integrada nun dos parques máis utilizados polos monfortinos e monfortinas, fai máis que necesaria a súa limpeza, que dende o Concello levamos a cabo ano a ano por estas datas”, indica o rexedor municipal.

O primeiro dos pasos para a limpeza da Lagoa do Parque dos Condes, consiste no baleirado da auga, baleirado que se levará a cabo utilizando unha máquina motobomba para extracción de líquidos. Posteriormente, procédese a extraer cunha máquina paleadora todo o lodo que se foi depositando no fondo da lagoa durante este inverno.

Para desenvolver ditos traballos, emprégase unha bomba cuxo aluguer ascende a 300 euros, mentres que o custe dos traballos da empresa contratada ascenden a aproximadamente 5.000 euros.

“A lagoa é un dos espazos máis emblemáticos da nosa cidade. Co Parque dos Condes ao seu redor trátase dunha das zonas que atrae un maior número de visitantes e tamén é un dos lugares máis frecuentados polos veciños e veciñas para dar paseos”, destaca o rexedor.

O mandatario municipal engade que “por iso, consideramos que a limpeza e o mantemento da lagoa é unha tarefa imprescindible para poder dar unha boa imaxe, para que os monfortinos e monfortinas desfruten da mesma, e que esta zona sexa unha das nosas mellores cartas de presentación”.

Complementando os traballos de limpeza da lagoa, operarios municipais procederán tamén a desbrozar o entorno da mesma, “todo isto para conseguir que esta zona da cidade presente unha imaxe o máis apropiada posible”, indica o mandatario local.

0.18811392784119