A III edición do Fentos Fest de Bóveda contará coa Banda de Música da Comarca de Sarria

SarriaXa | RibeiraSacraXa
O evento celebrarase o domingo 21 de xullo na Praza da Filgueira, detrás do edificio da Casa Consistorial
Fentos-Fest-III-Bóveda
Fentos-Fest-III-Bóveda
10 Xul 2024

O Concello de Bóveda dá a coñecer o cartel da III Fentos Fest, que se vai celebrar o domingo 21 de xullo na Praza da Filgueira, detrás do edificio da Casa Consistorial.

A cita, que naceu como un festival de música afeccionada da Ribeira Sacra hai agora tres anos, suma este ano unha novidade, como é a Festa da Xuventude. O Goberno local mantén o mesmo escenario para esta festa dos anos anteriores, pero incorpora algúns cambios.

O formato da celebración mentense con actuacións que volven ser de tarde e a asistencia é gratuíta. Así, ás 20.00 horas está programado un concerto da Banda de Música da Comarca de Sarria pensando para todos os públicos.

A partir das 22.00 horas vaise celebrar a Festa da Xuventude ideada para que os mozos e mozas da vila e da Comarca, así como aqueles que se atopan na zona de vacacións, poidan desfrutar deste evento de verán que celebra xa a súa terceira edición.

A música correrá a cargo da discoteca móbil ‘Hermo disco truck’, unha plataforma con pinchadiscos. Tamén haberá un servizo de bar.

Esta festa, que organiza o Concello de Bóveda, conta coa colaboración da Xunta de Galicia e do programa Tradigalu da Área de Cultura da Deputación de Lugo.

0.19235897064209