A Fundación Artesanía de Galicia achega o oficio tradicional dos zocos ao alumnado do CEIP Manuel Bermúdez Couso de A Pobra de Trives

RibeiraSacraXa
A actividade enmárcase no programa “Artesanía na Escola”, que busca divulgar os oficios artesanais e poñer en valor o traballo feito á man entre o alumnado galego
artesania-na-escola-trives
19 May 2026

A Fundación Artesanía de Galicia desenvolveu unha nova sesión do programa “Artesanía na Escola” no CEIP Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso, na Pobra de Trives, onde o alumnado puido coñecer de primeira man o oficio tradicional da elaboración de zocos.

A actividade contou coa participación da artesá Elena Ferro, protagonista da unidade didáctica “Eu son zoqueira”, quen explicou ao alumnado a importancia histórica deste calzado no rural galego e realizou unha demostración en directo do proceso de elaboración.

Durante a sesión, a artesá tamén amosou a evolución do oficio no seu obradoiro familiar Eferro, situado en Merza (Vila de Cruces), onde os zocos continúan a fabricarse tras máis dun século de historia. Alí, explicou que na actualidade incorporan novos elementos como cores, texturas e formas para adaptalos aos usos e tendencias actuais. O obradoiro conta ademais cun recoñecemento destacado, ao ter recibido o Premio Nacional de Artesanía no ano 2019.

A semana anterior, o centro xa recibira outra actividade do mesmo programa, centrada nesta ocasión na percusión tradicional e impartida por Xosé Manuel Sanín, como complemento da unidade didáctica “Eu son artesán de percusión tradicional”.

“Artesanía na Escola” é unha iniciativa impulsada pola Xunta desde 2023 que busca achegar os oficios artesanais ao alumnado de centros educativos de toda Galicia. Entre os seus obxectivos figuran a divulgación do patrimonio cultural e económico da artesanía, a posta en valor do traballo manual e do artesán como transmisor de coñecemento, así como a promoción de valores como o consumo responsable, a produción local e a sustentabilidade.

0.12437605857849