A Festa do Correlingua chega a Monforte este mércores cun percorrido polas rúas da cidade e un concerto do grupo Cuarta Xusta

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
A cita reunirá ao alumnado de oito centros de ensino de Monforte, O Saviñao, Portomarín e A Rúa
correlingua-lugo
12 May 2026

Monforte de Lemos acollerá este mércores 13 de maio unha nova parada da 26ª edición do Correlingua, iniciativa que percorre Galicia ao longo deste mes para reivindicar o uso da lingua galega entre a comunidade educativa.

A cita en Monforte será a cuarta das Festas do Correlingua deste ano e reunirá alumnado de oito centros de ensino de Monforte, O Saviñao, Portomarín e A Rúa. A programación combinará o carácter reivindicativo da campaña cun ambiente festivo no que a música terá un papel protagonista.

A xornada arrancará cun percorrido desde a praza de Góngora ata as Casiñas da Compañía, pasando por Campo da Virxe, barrio de San Vicente, rúa Falangueira, rúa Zapaterías, rúa Santo Domingo, praza de España e rúa do Cardeal.

Os actos previstos nas Casiñas da Compañía comezarán ás 12.00 horas coa presentación a cargo do artista Fran Rei. A continuación, alumnado do IES A Pinguela encargarase da lectura do manifesto elaborado para esta edición do Correlingua.

Ás 12.30 horas terá lugar a actuación do grupo Cuarta Xusta, formación que leva máis dunha década actuando en salas e festivais galegos cunha proposta musical de carácter reivindicativo. A despedida da xornada correrá tamén a cargo de Fran Rei.

Os centros participantes nesta edición son o IES Francisco Daviña Rey, o CEE Infanta Elena, o IES A Pinguela, o IES Río Cabe e o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte, o CPI Dr. López Suárez, do Sabiñao, o CEIP Plurilingüe Virxe da Luz, de Portomarín, e o IES Cosme López Rodríguez, da Rúa.

O Correlingua está organizado por CIG-Ensino coa colaboración da Mesa pola Normalización Lingüística e da AS-PG. A iniciativa conta ademais co apoio do Concello de Monforte e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

0.13319778442383