A Feira Guímara da Pobra do Brollón celebra a súa sétima edición o día 16 de xullo

RibeiraSacraXa
A Feira Guímara celebra a súa sétima edición o sábado 16 de xullo. Vén cun programa cargado de actividades dende a mañá ata a noite
1 VII Feira Guimara Pobra de brollon
8 Xul 2022

A Feira Guímara celebra a súa sétima edición o sábado 16 de xullo. Vén cun programa cargado de actividades dende a mañá ata a noite organizado polo Concello da Pobra do Brollón e sorpresas que se irán desenvolvendo ao longo do día.

A Feira conmemora a revolta dos habitantes da Pobra do Brollón contra o Conde de Lemos. “Neste evento queremos unirnos e celebrar en comunidade o espírito guímaro, que para nós representa a forza da afouteza e a rebeldía,” afirma o alcalde Xosé Lois Maceda.

Como novidade deste ano, a totalidade das actividades realizarase no lugar da feira, ao carón do río Rubín. A programación comezará ás 12:30 coa xa tradicional representación da Revolta Guímara, realizada por veciños da Pobra.

A continuación, ás 13:00, será o momento do pregón, a cargo dos actores Xúlio Abonjo e Melania Cruz. Será un pregón especial e cargado de chiscadelas á esencia guímara.

O pregón será seguido dun vermú con música popular a cargo de artistas locais ou afíns: Suso 40 e Pablo Camarero, e o grupo Galega de Bailables.

Para a hora de xantar, a organización dispón de mesas de uso libre para que os asistentes poidan levar a súa propia comida a modo de romaría. Tamén haberá postos de polbo, ademais de opcións de comida para levar dos negocios locais. Para beber, no lugar da feira haberá barra ao longo da xornada así como postos de viño de colleiteiros de Vilachá.

Pola tarde, as actividades retómanse a partir das 17:00 con xogos populares. Ás 19:00 haberá unha demostración de Liño, seguido dunha demostración de olería de Gundivós. Ademais haberá postos doutros produtos artesáns da zona.

A partir das 21:00 comezarán os concertos, empezando polo dúo da músico e filóloga Alba María e o guitarrista Queco Díaz. Ofrecerán un concerto de romances acompañados por participantes no obradoiro que a mesma Alba María impartirá o día da Feira pola mañá, e no que ofrecerá aos asistentes ferramentas simples para compoñer os seus propios romances medievais.

Os outros dous concertos da noite serán a cargo do quinteto Comando Curuxás, e os seus ritmos populares para bailar, baixo un filtro de modernidade. O grupo Xerezade, da Terra Brava, tamén achegará os seus ritmos bailables e letras subversivas.

Dende a organización, animan aos asistentes a levar os seus instrumentos para que a música continúe ata altas horas con foliada popular.

CONCURSO DE ESTANDARES E CARACTERIZACIÓNS

Como novidade desta VII edición da Feira Guímara, haberá un concurso para fomentar a creatividade nas caracterizacións, que poder ser de “calquera elemento que encaixe no espírito guímaro” comentan dende a organización. “Dende o tradicional labrego medieval ata de guerrilleira ou calquera chiscadela á historia ou lendas guímaras”.

Tamén haberá un concurso de estandartes orientado a Asociacións veciñais, colectivos ou grupos de amigos, e que estean relacionados coa historia da parroquia, personaxes, lendas, etc. Entre ambos concursos repartiranse 9 premios de entre 150€ e 50€.

0.16768789291382