A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra denuncia actuacións contra o patrimonio da zona

RibeiraSacraXa
Poñen de manifesto que proxectos como a instalación dunha pérgola en Escairón, a futura ponte do Malecón en Monforte ou a execución dunha canalización na contorna de Santa Cristina, están a afectar negativamente ao patrimonio da Ribeira Sacra
paseo-do-malecon-monforte
25 Apr 2026

A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra (FEARS) denunciou a existencia de diversas actuacións que, ao seu xuízo, están a afectar negativamente ao patrimonio da zona, afastándose dos valores que deberían rexer un territorio que aspira a ser recoñecido como Patrimonio Mundial.

Nun comunicado, a entidade advirte de que, mentres se promove a candidatura da Ribeira Sacra a esta distinción internacional, “a realidade do Patrimonio vai por outros” camiños, con intervencións que consideran incoherentes co discurso oficial.

Entre os exemplos citados, FEARS sinala o proxecto previsto en Escairón, no concello do Saviñao, onde se contempla a instalación dunha pérgola de carácter permanente, construída en pedra e con cuberta de pizarra, nunha zona de elevado valor ecolóxico. A federación considera innecesaria esta actuación e tamén critica a substitución do valado de madeira por outro de granito.

En Parada de Sil, a entidade denuncia a execución dunha canalización na contorna de Santa Cristina que, segundo indica, afectou a un camiño histórico que conecta Castro co mosteiro. Aínda que o Concello se comprometeu a restaurar o trazado, FEARS lamenta que se optase por esta intervención cando existían alternativas que evitarían a alteración.

No caso de Monforte, a federación centra as súas críticas no proxecto dunha nova ponte para tráfico rodado na zona do Malecón, sobre o río Cabe. Segundo sinala, esta infraestrutura suporía a eliminación de árbores e unha alteración da paisaxe nun espazo emblemático da cidade, ademais de afectar á contorna de bens protexidos como o casco antigo, a muralla, a torre da homenaxe, o convento de Santa Clara e o trazado do Camiño de Inverno.

A FEARS considera que esta actuación non é necesaria e defende que existen alternativas para a peonalización da ponte vella. Por este motivo, anunciou que presentou alegacións ao proxecto, sumándose así aos colectivos veciñais que se opoñen á súa execución.

A federación tamén fai referencia a outras iniciativas, como os proxectos de baterías en Belesar, no concello de Chantada, que xa foran trasladadas á UNESCO nunha carta remitida meses atrás. Neste sentido, insiste en que existe unha contradición entre os discursos “triunfalistas” arredor da candidatura a Patrimonio Mundial e as actuacións que se están a desenvolver no territorio.

0.12768411636353