A FEARS presenta alegacións a dous proxectos de baterías en Chantada polo seu impacto ambiental e social

A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra presentou alegacións ante a Consellería de Economía e Industria para solicitar a denegación das autorizacións administrativas dos proxectos de almacenamento enerxético “GRX Belesar I” e “GRX Belesar II”, previstos na parroquia de Pesqueiras, no concello de Chantada.
Segundo a entidade, ambas iniciativas constitúen en realidade unha única infraestrutura dividida en dous expedientes co fin de evitar unha avaliación ambiental ordinaria a nivel estatal. A FEARS sostén que, ao superar conxuntamente os 50 megavatios de potencia instalada, debería realizarse unha análise máis esixente que teña en conta os impactos acumulativos sobre o territorio.
A federación tamén advirte dos riscos que, ao seu xuízo, suporían estas instalacións para a poboación próxima. Sinala a proximidade a núcleos habitados e a falta de planificación específica fronte a posibles incendios en baterías de litio, que describe como especialmente perigosos pola súa toxicidade e dificultade de extinción. A isto engade que a localización presenta un alto risco de incendios e limitacións de acceso para os servizos de emerxencia.
Desde o punto de vista ambiental, a FEARS apunta a posibles afeccións sobre recursos hídricos, terras agrarias, biodiversidade e paisaxe, ademais de considerar que os proxectos non encaixan coa protección e posta en valor da Ribeira Sacra, un territorio cunha forte orientación patrimonial, agraria e turística. A organización critica tamén a ocupación de solo produtivo e a falta de retorno económico relevante para a veciñanza.
No escrito presentado, a federación denuncia a concentración de infraestruturas enerxéticas na zona, cualificando parroquias como Pesqueiras de “territorios de sacrificio”. Neste contexto, afirma que “dificilmente a inventio das láminas de auga se pode disociar do electrofascismo, da emigración maciza das poboacións ribeirás e do espolio territorial”, e engade que “catro décadas de democracia, fondos de cohesión e estruturais da UE, non teñan feito para mudar a ‘especialización’ do territorio como fonte de enerxía barata en canto se acelera a demotanasia”.
Ademais, a FEARS expresa a súa preocupación polos proxectos eólicos en tramitación na contorna, como Agratina e Agromaces en Chantada, Fanega Wind en Carballedo ou Feroedo e Nobeiro no Saviñao. Ao seu xuízo, a suma destas iniciativas incrementaría a presión sobre un territorio xa afectado, poñendo en risco valores ambientais e patrimoniais de relevancia.
A federación conclúe advertindo de que a expansión de grandes proxectos enerxéticos sen unha planificación estratéxica nin participación social efectiva pode comprometer o futuro do medio rural. Por iso, solicita a denegación dos proxectos Belesar I e II, así como a paralización e revisión doutras iniciativas eólicas, instando ás administracións a desenvolver un modelo enerxético respectuoso coa poboación, o territorio e o patrimonio da Ribeira Sacra.