A Estación de Montaña de Manzaneda volverá ser o punto de encontro da reunión anual de AGAFAN

RibeiraSacraXa
Máis dun cento de persoas participarán na “Quedada Familiar” da Asociación Galega de Familias Numerosas polo Día Internacional das Familias
estacion-de-montaña-de-manzaneda
15 May 2026

A Asociación Galega de Familias Numerosas (AGAFAN) conmemorará un ano máis o Día Internacional das Familias cun encontro que se celebrará a próxima fin de semana na Estación de Montaña de Manzaneda, na provincia de Ourense. A cita forma parte da súa tradicional “Quedada Familiar”, que volverá reunir a decenas de familias numerosas galegas.

A actividade completou todas as prazas dispoñibles e contará con máis dun cento de participantes entre adultos e menores, que compartirán actividades deportivas, obradoiros e propostas de lecer na natureza nun entorno de montaña.

Desde a organización explican que o obxectivo é fomentar a convivencia e o intercambio entre familias con realidades similares. “Queremos compartir este día coas familias, dentro dun ambiente festivo e de convivencia onde reforzar os vínculos familiares e crear redes de apoio entre familias con realidades similares”, sinalan desde AGAFAN.

Máis alá do carácter lúdico, a asociación aproveita esta xornada para poñer o foco nas dificultades que atravesan as familias con fillos e fillas. AGAFAN lembra que este colectivo realiza unha achega relevante á sustentabilidade demográfica, económica e social, pero segue atopando obstáculos en ámbitos como a vivenda, a conciliación, o acceso a axudas ou o custo da crianza. “As familias necesitan recoñecemento, apoio e políticas estables, non medidas puntuais”, apuntan desde a entidade, que reclama unha estratexia integral de protección familiar.

A organización tamén destaca que en Galicia existen actualmente 33.013 títulos de familia numerosa, segundo datos da Consellería de Política Social, o que reflicte a dimensión deste colectivo na comunidade.

Integrada na Federación Española de Familias Numerosas (FEFN), AGAFAN defende desde hai anos medidas como unha fiscalidade máis favorable, axudas por fillo, melloras na conciliación e corresponsabilidade, vivenda adaptada a familias grandes e un maior recoñecemento social do papel destas familias.

0.1250319480896