A Estación de Montaña de Manzaneda amplía a súa programación deportiva de verán con competicións ata o outono

A Estación de Montaña de Manzaneda, no concello ourensán de Manzaneda, ultima a programación da súa tempada de verán cunha ampla axenda de eventos deportivos que se prolongará ata o mes de novembro.
A oferta inclúe diferentes disciplinas como bicicleta de montaña, pickleball, marcha nórdica e escalada, dentro dunha programación que reforza a aposta pola desestacionalización e a diversificación da actividade deportiva.
Entre as citas previstas figura a celebración dun MiniDH o 1 de agosto, organizado por Bici Verde e orientado ás novas promesas do descenso a nivel galego e nacional. Os días 19 e 20 de setembro terá lugar a Copa Xunta-Galicia Calidade de Pickleball, promovida pola Rede Galega de Tenis. A programación continuará o 27 de setembro coa proba Transgalaica, organizada por Team Relay, e o 3 de outubro cunha actividade de marcha nórdica impulsada por ASESOU. Xa no ámbito da escalada, tamén a cargo de ASESOU, celebrarase unha xornada de Boulder ao aire libre e o Open de Escalada, previsto para o 14 de novembro.
A pasada fin de semana, a estación acolleu unha nova edición da Copa España de Descenso (DHI), que reuniu arredor de 170 deportistas chegados de distintos puntos do Estado, consolidando a Manzaneda como escenario de referencia para competicións de ciclismo de montaña.
Esta proba supuxo tamén un novo impulso para a estación tras o incendio que afectou a súa contorna natural e ás instalacións do Bike Park. Segundo se sinala, a recuperación progresiva do espazo permitiu retomar a organización de eventos deportivos de ámbito nacional.
Durante a competición estreouse un novo circuíto no Bike Park, que foi valorado polos participantes polo seu nivel técnico e pola variedade de sectores e liñas.
Con esta programación, a Estación de Montaña de Manzaneda busca consolidarse como destino de montaña activo durante todo o ano, combinando turismo deportivo, competición e actividades na natureza para públicos de diferentes idades.