A escola de Torbeo de Ribas de Sil estrea calefacción e novo mobiliario grazas á colaboración veciñal

A escola de Torbeo loce dende esta semana novas condicións grazas a unha colaboración entre o Concello e a Asociación de Veciños de Torbeo (A.VE.TO.). O pasado sábado 15 de novembro, ás 17.00 horas, o clube de lectura que utiliza este espazo celebrou a súa segunda xuntanza, e puido comprobar de primeira man as melloras recentemente incorporadas ao local.
Entre os cambios máis destacados figura a instalación dunha caldeira de pellets, cuxo subministro e material correu a cargo do Concello, mentres que os propios veciños se encargaron de montala e poñela en funcionamento. Esta nova fonte de calefacción permitirá facer un uso máis confortable do edificio durante os meses de inverno.
A isto súmase a renovación do mobiliario: as cadeiras que se vían utilizando no local foron substituídas por 25 unidades procedentes do Salón de Actos do Concello, que á súa vez prevé incorporar proximamente butacas fixas nas súas propias instalacións.
Con estas actuacións, o espazo gaña en comodidade e resulta máis acolledor tanto para as actividades do clube de lectura coma para outros usos comunitarios. De feito, a semana seguinte a estas melloras, o local foi tamén escenario dunha representación teatral, que puido desfrutarse xa nas novas condicións.
A iniciativa pon de relevo o papel da colaboración entre a administración local e o tecido asociativo veciñal á hora de manter e mellorar os espazos comúns nas parroquias do municipio.