A Deputación pedirá fondos europeos para un plan turístico para augas de interior
A Xunta de Goberno aprobou adherir á Deputación de Lugo a unha agrupación de entidades de diversos puntos do país para solicitar conxuntamente 1M€ de fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia impulsado polo goberno de España para impulsar novas experiencias turísticas arredor das augas de interior.
Así o anunciou a Voceira provincial socialista, Pilar García Porto, quen subliñou que con esta decisión “buscamos fortalecer a estratexia que vimos levando a cabo para potenciar o sector turístico como un dos motores económicos da nosa provincia, cunha importante capacidade para dinamizar especialmente o rural, a través dun modelo sostible, de calidade, de experiencias, que coida o patrimonio e que deixa un alto valor no territorio, en termos económicos e de emprego”.
A agrupación a través da que a Deputación de Lugo solicitará estes fondos europeos, enmarcados no programa Experiencias Turismo de España, está impulsada pola Deputación de Cáceres e conta coa institución provincial de Badaxoz; a Asociación Turística Terras de Iranzo-Ko-Lurrak de Navarra; a Mancomunidade Valle Norte de Lozoya de Madrid; a Asociación para o Desenvolvemento Integral da Serra Oeste de Madrid; e a Federación Nacional de Asociacións e Municipios con Centrais Hidroeléctricas e Embalses.
García Porto recordou que “a cooperación entre entidades é necesaria para solicitar estes Fondos Europeos, que teñen como finalidade impulsar proxectos que ofrezan experiencias turísticas sostibles, dixitais, integradoras e competitivas en España, e que se repliquen a nivel nacional ou no territorio de, polo menos, tres comunidades autónomas”.
O proxecto inclúe diferentes actuacións, como a creación dunha Rede Española de Ecoexperiencia en Destinos de Auga de Interior; a elaboración de manuais, plans de comunicación e marketing, e de guías turísticas sobre estes destinos; a celebración de encontros e intercambios para analizar a situación e os potenciais destes recursos turísticos; e a creación dunha páxina web e unha aplicación para promocionar os destinos a través das novas tecnoloxías.
Estabilización laboral
A Deputación de Lugo avanza no proceso de estabilización laboral coa aprobación na Xunta de Goberno deste venres do nomeamento dos traballadores e traballadoras que, logo de superar un proceso de concurso de acceso libre, van cubrir 46 prazas en distintas áreas ocupadas ata o momento por persoal temporal. En concreto, trátase de persoal administrativo e auxiliares, un economista, un traballador social, un delineante, un responsable de instalacións deportivas, maquinistas-conductores, axentes de emprego e desenvolvemento local, e peóns.
Estes nomeamentos, que se suman aos 39 que xa foron aprobados antes do verán pola institución provincial, sairán publicados no Boletín Oficial da Provincia, e posteriormente celebraranse as correspondentes tomas de posesión.
“Desta forma, só quedan por realizar tres nomeamentos, do total de 88 que inclúe o proceso de estabilización laboral que impulsamos dende a Deputación mediante o sistema de concurso de acceso libre, e, ao mesmo tempo, continuamos traballando para facer o mesmo coas 22 prazas que se estabilizarán por concurso oposición libre”, anunciou a Deputada.
Este proceso permite cumprir co disposto na Lei 20/2021, de 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público impulsada polo Goberno de España.
García Porto sinalou que no caso da Deputación de Lugo, para sacar a diante este proceso, “alcanzamos un acordo no seo da Mesa Xeral de Negociación, conformada pola Administración e polas forzas sindicais que representan aos traballadores e traballadoras”, mostra, asegurou, “do compromiso que temos no Goberno provincial co diálogo social e cos dereitos laborais”.
“Estamos convencidos de que a estabilidade laboral e as boas condicións de traballo son fundamentais para asentar e consolidar uns servizos públicos modernos, áxiles, de calidade, e capaces de evolucionar de acordo coas necesidades da cidadanía”, argumentou a Voceira socialistas do Goberno.
Listaxe de emprego
En materia laboral, a Xunta de Goberno tamén deu luz verde á convocatoria e ás bases específicas para a ampliación da listaxe de emprego de terapeuta ocupacional e fisioterapeuta para prestar servizo nos Centros de Atención a Maiores da Deputación. Este proceso responde á necesidade de contar con persoal nas listaxes destas categorías para a incorporación de traballadores nas residencias se fose necesario.