A Deputación patrocina con 60.000 euros La Vuelta ao seu paso pola provincia

RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa
A Deputación de Lugo patrocina La Vuelta a España ao seu paso pola provincia de Lugo aportando 60.000 euros.
Volta a España ciclismo
Volta a España ciclismo
13 jun 2021

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañado do director de La Vuelta, Javier Guillén, mantivo este xoves pasado un encontro organizado pola institución provincial cos alcaldes e representantes municipais dos 12 concellos lucenses polos que discorrerá o día 3 de setembro a etapa 19ª da cita deportiva co obxectivo de informalos da colaboración económica por importe de 60.000€ que fai a entidade e do impacto en termos económicos e de promoción que terá para a provincia.

Á reunión, celebrada no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, asistiron os deputados de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera.

O Presidente subliñou que o obxectivo que motivou á Deputación para colaborar coa organización de La Vuelta para o seu paso pola provincia foi colaborar cos concellos da provincia “para sacar adiante todo tipo de iniciativas que favorezan o seu progreso social e económico”, neste caso, coa promoción do territorio a través do turismo.

Apostar por La Vuelta a España, destacou José Tomé, “supón un investimento en proxección internacional e en promoción turística dun valor, literalmente incalculable.  Situada na elite do ciclismo mundial, co Giro de Italia e o Tour de Francia como compañeiras, esta cita é seguida por un público de máis de 400 millóns de persoas nuns 190 países. Os 60.000 euros que aporta a Deputación xeran así un grao de exposición mundial imposible de alcanzar doutro modo”. 

Para unha provincia como Lugo, que acolle catro rutas diferentes do Camiño de Santiago; que conta con tres Reservas da Biosfera e con seis Patrimonios da Humanidade, aos que aspira incorporarse a Ribeira Sacra; e que entrou na Ruta Transrománica do Consello de Europa; estar presente nun acontecemento como La Vuelta resulta fundamental”, asegurou o Presidente, quen afirmou que estar presente nesta proba “é unha das mellores formas de levar ó plano internacional a nosa oferta turística, e a nosa aposta por un modelo de turismo de calidade, non masificado, sostible, de experiencias, e respectuoso co medio ambiente, tal e como demanda a sociedade neste escenario de saída da pandemia”.

Ademais do retorno que xera a medio prazo, en termos de turismo, José Tomé lembrou que a organización dunha proba complexa como esta, mobiliza a unhas 3.000 persoas, “o que contribúe, de xeito directo, a reactivar a actividade en sectores tan castigados pola crise como a hostalería, o turismo ou o comercio local”.

La Vuelta en datos

La Vuelta Ciclista a España é seguida anualmente en 190 países, que chegan a unha audiencia real de 400 millóns de espectadores. A meirande parte dos seguidores están localizados en países de centroeuropa como Francia, Bélxica, Italia ou Noruega, entre outros, pero tamén están presentes en todo o arco americano, cunha grande audiencia en Colombia, e en Asia, con presencia en países como Xapón. 

Características da XIX etapa

A etapa de La Vuelta que recorre a provincia ten un percorrido de 187,8 quilómetros, 139 deles na provincia de Lugo, e está considerada de media montaña. Está previsto que sexa unha xornada chave ao ser unha das últimas etapas e tratarse dunha zona con grandes subidas e baixadas que permitirán crear claras oportunidades de fuga entre algúns ciclistas, a altura máxima que alcanzarán nesta xornada os ciclistas será de 927 metros. Dous días despois desta cita, o 5 de setembro, chega o final da competición en Santiago de Compostela cunha contra reloxo individual.

copa espana ciclismo adaptado viveiro 2