A Deputación licita a subministración de servizos e materiais do Impulsa TIC

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación, por un importe de preto de 800.
deputado pablo rivera
23 Feb 2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación, por un importe de preto de 800.000 euros, dos últimos lotes da subministración de equipamentos e servizos tecnolóxicos que, unha vez adquiridos, a institución provincial proporcionará de maneira gratuíta aos 52 concellos da provincia que decidiron adherirse ao programa Impulsa TIC.

Con esta última licitación, explicou o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, “a Deputación xa ten en fase de contratación a totalidade do investimento de 4,5 millóns de euros co que está dotado o Impulsa TIC”. Un proxecto, apuntou, que a institución provincial puxo en marcha con fondos captados da Unión Europea “co obxectivo de colaborar cos concellos da provincia para avanzar na súa transformación dixital e, polo tanto, ofrecer un mellor servizo público aos veciños e veciñas”.

Entre as ferramentas tecnolóxicas que a Xunta de Goberno aprobou licitar hoxe, indicou Pablo Rivera, destaca “a implantación dun chatbot con intelixencia artificial, integrado nas web de concellos de menos de 5.000 habitantes, unha experiencia piloto que é pioneira en España”. Trátase dun asistente virtual, que ofrecerá atención ao cidadán as 24 horas dos 365 días do ano para resolver consultas dun xeito rápido e eficaz, e reducir a carga de traballo para os traballadores públicos. Ademais, nos lotes aprobados esta mañá tamén se inclúen equipamentos dixitais para dar una maior transparencia financeira.

Ademais, na Xunta de Goberno de hoxe saíu adiante a adxudicación do primeiro lote de materiais, á empresa Alpha Syltec Ingeniería, por unha cuantía que ascende a case 18.000 euros, e que servirán, en concreto, para mellorar a eficiencia dos servizos básicos da Administración dixital, a creación de oficinas municipais de prestación de servizos electrónicos aos cidadáns, a integración dos sistemas de tramitación municipais cos sistemas de padrón e contable ou a implantación dun sistema de automatización e dixitalización dos plenos municipais.

Pablo Rivera avanzou que nas vindeiras semanas a Deputación irá adxudicando o subministro do resto de equipos e servizos,que teñen que estar implantados o 30 de abril, data na que deberán estar finalizados todos os proxectos subvencionados do programa Impulsa TIC.

O deputado de Promoción Económica e Social lembrou que todo o material atende ás necesidades que os propios concellos lle trasladaron á institución provincial, e que se distribúe seguindo criterios obxectivos entre os 52 concellos que decidiron sumarse ó proxecto, de xeito semellante ao Plan Deputación.

0.15831398963928