A Deputación inicia a rehabilitación integral da estrada LU-P-4104 en Pantón

A Deputación de Lugo vén de iniciar as obras de rehabilitación integral da estrada LU-P-4104, no concello de Pantón. A vía, que une as localidades de Seguín e Os Peares pasando por Pombeiro, conta cun trazado de máis de 15 quilómetros que será renovado na súa totalidade.
Os primeiros traballos arrancaron coa limpeza e reapertura das cunetas, unha actuación previa necesaria antes de acometer outras intervencións. O proxecto inclúe tamén o acondicionamento da explanada, a reparación dos treitos deteriorados e a posterior repavimentación da estrada. A actuación supón un investimento superior aos 100.000 euros por parte da institución provincial, mentres que a execución corre a cargo da empresa Opaga 003 SL.
A LU-P-4104 desempeña un papel relevante na mobilidade da zona, xa que conecta en varios puntos coa estrada N-120 e facilita o acceso a distintos núcleos de poboación. Ademais, dá servizo a elementos patrimoniais como a capela da Virxe das Neves ou a de San Antonio, así como a recursos turísticos destacados da contorna, entre eles o Miradoiro dos Peares.
A mellora desta infraestrutura considérase clave tanto para reforzar a actividade turística da Ribeira Sacra como para garantir a conexión entre parroquias, explotacións agrarias e servizos básicos, contribuíndo ao desenvolvemento económico e social do municipio.