A Deputación impulsa tres espazos estratéxicos na Ribeira Sacra para reforzar a candidatura a Patrimonio Mundial

A Deputación de Lugo avanzou na súa estratexia de posta en valor da Ribeira Sacra coa aprobación, na Xunta de Goberno deste venres, do inicio dos procedementos para a concesión demanial de tres equipamentos situados neste territorio: o embarcadoiro dos Chancís, en Sober; unhas instalacións en Maiorga, en Pantón, que funcionan como pequeno club fluvial á beira do río Miño; e o náutico de Augas Mestas, en Quiroga.
Segundo explicou a voceira socialista do Goberno e deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, a iniciativa busca atraer proxectos sólidos que permitan aproveitar o potencial destes espazos e reforzar a oferta turística da Ribeira Sacra nun momento clave, no marco da candidatura do territorio a Patrimonio Mundial da UNESCO. “Queremos que estes espazos estean vivos, presten un servizo de calidade e contribúan a dinamizar a economía local, crear emprego e reforzar o atractivo dun dos principais destinos turísticos da provincia”, subliñou García Porto.
Os tres equipamentos sitúanse en enclaves considerados estratéxicos e contan cun elevado potencial para ampliar a oferta de servizos vinculados ao turismo de natureza, ao lecer e ás actividades náuticas, co obxectivo de consolidar un modelo de desenvolvemento sostible.
A Xunta de Goberno estableceu os criterios para estas concesións, que inclúen un canon mínimo mensual de 100 euros no embarcadoiro dos Chancís, 230 euros nas instalacións de Maiorga e 500 euros no náutico de Augas Mestas. A duración inicial será de cinco anos, con posibilidade de prórroga por períodos de dous anos, dous anos e un ano, ata un máximo de dez anos.
A Deputación explicou que se procuran iniciativas solventes e comprometidas co territorio, polo que os pregos non valorarán unicamente a oferta económica, senón tamén os investimentos previstos e a calidade dos proxectos de explotación, co fin de garantir unha xestión que xere valor engadido e mellore os servizos á cidadanía e aos visitantes.
A actuación enmárcase na estratexia provincial de posta en valor do patrimonio público como ferramenta para impulsar o desenvolvemento económico, reforzar o tecido empresarial local e consolidar a Ribeira Sacra como destino turístico de referencia.
No mesmo ámbito, a Xunta de Goberno aprobou tamén unha colaboración plurianual de 1,8 millóns de euros para o Concello de Monforte de Lemos, destinada a mellorar conexións urbanas e infraestruturas de mobilidade, accesibilidade e seguridade viaria entre 2026 e 2028.
Así mesmo, aprobouse unha achega de máis de 16.300 euros para a campaña MercaSacra en Chantada, unha iniciativa de dinamización do comercio local que combinará feira de produtores e artesáns, actividades culturais e infantís e accións de fidelización no comercio de proximidade.