A Deputación elevará o Plan Deputación ata os 25 millóns de euros en 2027

A Deputación de Lugo incrementará en 2,75 millóns de euros o Plan Deputación para 2027, que contará cunha dotación total de 25 millóns. A suba do 12,4 % respecto ao exercicio actual supón un aumento histórico fronte aos 250.000 euros anuais que se viñan engadindo ata agora. Ademais, os concellos poderán recibir anticipos de ata o 80 % dos fondos asignados, fronte ao 50 % actual, para dispoñer de máis recursos desde o inicio e executar as actuacións previstas.
O incremento beneficiará a 63 dos 67 municipios da provincia. Lugo, Monforte de Lemos, Vilalba e Viveiro manterán os 600.000 euros que xa reciben, ao alcanzar o límite máximo establecido no plan. Tamén se conservará o actual sistema de reparto, baseado na poboación (40 %), as entidades singulares (25 %), a superficie (20 %) e o índice de envellecemento (15 %), así como unha achega mínima de 150.000 euros por concello.
O Plan Deputación é a principal ferramenta de cooperación económica da institución provincial cos municipios e permite financiar tanto obras e infraestruturas como servizos municipais. Entre os ámbitos aos que se destinan estes fondos figuran a Axuda no Fogar, o emprego, a cultura, o deporte, a promoción turística, as feiras e mercados, a accesibilidade ou a protección civil. A presidenta, Carmela López, defendeu o aumento dos recursos para axudar os concellos a afrontar as necesidades da veciñanza, mentres que o vicepresidente, Efrén Castro, incidiu na importancia desta achega para soster a capacidade de investimento, especialmente nos municipios máis pequenos.
A mellora do plan é unha das principais novidades dos Orzamentos da Deputación para 2027, que Carmela López e Efrén Castro están a ultimar para sometelos á aprobación do pleno este mes. A presidenta presentará este luns no Parlamento de Galicia as principais liñas e cifras do documento.
PROPOSTAS DO PARTIDO POPULAR
O Grupo Provincial do Partido Popular presentou unha batería de propostas para os orzamentos da Deputación de Lugo de 2027, os primeiros baixo a presidencia de Carmela López. Entre as principais medidas figura incrementar en 10 millóns de euros o Plan Deputación e destinar outros 10 millóns adicionais ao mantemento das estradas provinciais.
O portavoz popular, Antonio Ameijide, considera que as novas contas representan unha oportunidade para demostrar que existe un cambio na xestión provincial e reclama que a institución recupere o seu papel como motor económico da provincia. As propostas rexistradas polo PP buscan reforzar a colaboración cos concellos, cumprir os compromisos adquiridos e apoiar os sectores estratéxicos.
No ámbito municipal, os populares propoñen aumentar os fondos do Plan Deputación para distribuílos entre todos os concellos en condicións de igualdade e flexibilizar o seu uso, de maneira que poidan destinarse tamén a gastos correntes. Tamén reclaman crear unha unidade específica de asesoramento para axudar aos municipios a captar e xestionar fondos europeos, así como establecer mecanismos de colaboración nos servizos relacionados co ciclo da auga e coa recollida de animais abandonados.
En materia de infraestruturas, o PP pide elevar en 10 millóns de euros a partida para conservar as estradas provinciais, cun plan que priorice os puntos máis perigosos e inclúa a renovación dos firmes, o ensanche das plataformas, a mellora da sinalización e os traballos de limpeza e poda.
A formación tamén solicita máis recursos para conservar e recuperar o patrimonio inmobiliario da Deputación, coa posta en valor da Casa Benedicto de Navia de Suarna, a apertura dos clubs náuticos e do complexo turístico de Augas Mestas e a creación de novas zonas verdes, áreas fluviais e espazos de baño en colaboración cos concellos.
Outra das prioridades é avanzar na rede provincial de residencias. Os populares piden fondos para poñer en funcionamento de inmediato a residencia comarcal de Becerreá, atendendo á resolución xudicial, rematar os centros da Pobra do Brollón, A Pontenova e Guitiriz e impulsar os restantes proxectos comprometidos, ademais de recuperar a posta a disposición dos centros de día.
No apartado económico, Ameijide defende que a Deputación volva implicarse na creación de solo industrial e na captación de emprendedores. Para iso, propón reservar partidas que permitan retomar a tramitación dos polígonos comprometidos en Baralla e Pantón e impulsar os que xa están en marcha. Tamén reclama apoiar sectores como a gandería e a pesca e axilizar as axudas á cultura e ao deporte, ademais de mellorar instalacións provinciais como a Escola de Piragüismo e o Pazo dos Deportes.
Por último, o PP aposta por elaborar un novo Plan Estratéxico de Turismo para os próximos anos, coa participación dos sectores implicados, co obxectivo de diversificar a oferta, desestacionalizar as visitas e promocionar a provincia en diferentes ámbitos. A proposta inclúe tamén actuacións para mellorar a seguridade dos peregrinos nas estradas provinciais que coinciden coas rutas xacobeas e reforzar a rede de museos, coa ampliación do Museo do Mar, a mellora dos espazos e o incremento das actividades culturais.