A Deputación e a Federación de Comercio premian a 15 negocios locais da provincia

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Deputación e a Federación de Comercio premian a 15 negocios locais da provincia nunha gala no Pazo de San Marcos
PREMIOS COMERCIO DEPUTACION
PREMIOS COMERCIO DEPUTACION
16 dic 2022

Recibiron recoñecemento establecementos de Monforte, Lourenzá, Meira, Lugo e Foz pola súa continuidade empresarial, pola mellor traxectoria individual, pola dixitalización, polo compromiso coa sustentabilidade ou por ser o mellor comercio do barrio.

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, xunto ao presidente da Federación de Comercio, José María Seijas, participaron este xoves na Gala de Outono do Comercio da Provincia de Lugo, que tivo lugar no Pazo de San Marcos. A cita foi o colofón da campaña promovida entre ambas entidades para poñer en valor a actividade comercial e incentivar o consumo nos establecementos de proximidade.

Rivera Capón destacou “a capacidade de mobilización do noso comercio local, porque estamos a falar dunha campaña na que se implicaron 100 negocios e se recolleron ata 10.000 votos populares”, o que evidencia que “os lucenses valoran o seu comercio e se interesan por el”. Puxo en valor a colaboración da Deputación co tecido produtivo, “un dos eixos da nosa acción de Goberno” e sinalou que a colaboración entre a Administración e os comerciantes fixo posible unha campaña de dinamización como esta, que sorteou 10.000€ en bonos de 50€ para fomentar o consumo nos establecementos da provincia.

“O comercio local representa moi ben ese universo de pemes e autónomos que constitúe unha parte fundamental da nosa economía”, dixo o deputado, que apuntou que “xera emprego de calidade e riqueza”, sendo un activo fundamental no rural “para garantir o futuro das nosas vilas” e que “ten tamén unha importante función social. Vímolo durante a pandemia, cando os comerciantes deron todo para atender e levar os seus produtos ás persoas confinadas ou ós maiores”.

Sinalou que a aposta polo comercio local beneficia a todos porque é fundamental como elemento transversal noutras políticas como o urbanismo, ou “o mellor punto de acollida para visitantes e peregrinos” sendo “un atractivo da nosa oferta turística”.

Parabéns do presidente da Federación

Pola súa banda, o presidente da Federación de Comercio de Lugo, José María Seijas,  felicitou a todos os participantes, “un exemplo para todos os comerciantes do bo facer no día a día dos seus negocios e de adaptación ós retos que supón ter aberto un comercio de proximidade. Grazas pola mensaxe esperanzadora que nos transmitides, por recordarnos que pese ás dificultades é posible medrar, renovarse, innovar e modernizarse”.

Destacou que os valores intrínsecos ó comercio minorista son a proximidade, a especialización, a calidade, o servizo ó cliente, a xeración de emprego ou riqueza. E felicitounos por transmitir ilusión, traballo, ganas de mellorar, por dar “un excelente servizo ós clientes e tamén pola vosa aposta polo asociacionismo”. Deu Seijas uns parabéns extra “por saber transmitir todos estes valores e traballo”.

“De todos é sabido, -e vós sabédelo mellor que ninguén-, que ter un negocio comercial é unha carreira de fondo e máis nos últimos tempos entre pandemia, guerras ou inflación”, sinalou o responsable da Federación, que puxo en valor que contar hoxe cun comercio competitivo “é un labor altamente esixente, pero tamén é certo que pese ós continuos retos a nosa tarefa está chea de satisfaccións".

Os premiados

Os gañadores das diferentes categorías foron a monfortina Calzados Losal pola súa Continuidade Empresarial; a parafarmacia de Lourenzá Conde Santo pola Mellor Traxectoria Individual; Bicos de Fío, de Meira, levou o recoñecemento á Dixitalización, El Rincón de tu Olfato, de Lugo, foi o galardoado na categoría de Comercio Sostible e Isla, de Foz, levou o premio ó Mellor Comercio de Barrio.

Os 15 comercios finalistas máis apoiados na fase de votación popular e, polo tanto, os finalistas. Son os seguintes:

- Nadira Aljayde, de Quiroga; a Parafarmacia Conde Santo, de Lourenzá, e Wellness Area, de Monforte, na categoría de Mellor Traxectoria Individual.

- Almacenes Méndez, de Meira; Calzados Losal, de Monforte, e a Panadería Pallares, de Sarria, na de Continuidade Empresarial.

- Bicos de Fío, de Meira; Miss Mariquita e Pekes, ambas de Lugo, foron os tres finalistas na de Dixitalización.

- Bico de Grao e El Ricón de tu Olfato, de Lugo, e a Herboristería Milenrama, de Chantada, na de Comercio Sostible

- E Apisacra, de Monforte; A Badorna, de Parga; e Isla, de Foz, na categoría de Mellor Comercio de Barrio.

Sorteo de 200 bonos de 50€ entre os consumidores

Así mesmo, nesta mesma gala entregáronse 200 bonos de 50€ -un total de 10.000€- sorteados entre a clientela participante na fase de votación popular dos premios ó comercio.