A Deputación desprega 112 operarios e 64 máquinas nas estradas provinciais este inverno

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este venres en Castroverde o Plan de Vialidade Invernal despregado polo organismo provincial para a temporada 2023-2024.
Plan Vialidade Invernal da Deputacion
2 Dec 2023

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este venres en Castroverde o Plan de Vialidade Invernal despregado polo organismo provincial para a temporada 2023-2024. Xunto cos recursos propios, a institución ten contratadas 8 empresas para labores de conservación e mantemento co fin de facerlle fronte coa maior eficacia e rapidez posibles ás incidencias que poidan provocar as inclemencias meteorolóxicas nos 4.217 quilómetros de estradas provinciais dos que dispón a Deputación de Lugo no territorio.

O dispositivo está composto por 112 operarios e 64 máquinas, ademais de 12 silos que a institución provincial ten distribuídos por toda a provincia e que dispoñen dun total de 420 toneladas de sal de mina.

José Tomé destacou que contar cun protocolo destas características é fundamental para atender as incidencias que se poidan producir na rede viaria provincial, a máis extensa dunha Deputación en España e tres veces a da Xunta en Lugo, e garantir así a seguridade e comodidade dos usuarios e usuarias fronte a episodios de meteoroloxía adversa.

O Plan de Vialidade Invernal da Deputación divídese en 8 zonas xeográficas, todas dotadas con medios suficientes para facer fronte coas maiores garantías posibles ás emerxencias que poidan xurdir. Dos 4.217 quilómetros de estradas, a metade están situados a máis de 600 metros de altitude sobre o nivel do mar, co que iso supón de maior incidencia das inclemencias meteorolóxicas.

Na presentación tamén estiveron o Deputado de Cooperación cos Concellos e Alcalde de Castroverde, Xosé María Arias; o Deputado de Medio Ambiente e Alcalde da Fonsagrada, Carlos López; a Deputada de Réxime Interior e Promoción do Territorio e Turismo e Alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto; o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; o Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo Magdalena; o Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín; o de Navia de Suarna, José Fernández Fernández; o de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña Pereira; e o de Meira, Antonio de Dios.

Balance da temporada anterior

Segundo os datos do servizo de Xestión Territorial da Deputación, o operativo tivo unha maior actividade nos meses de decembro e xaneiro, cando se produciron cinco episodios de fortes nevaradas. En cada un deles foi necesario utilizar 820 toneladas de sal e mobilizar 16 quitaneves, 32 pick up e 64 operarios. Así mesmo, actuouse por fortes xeadas durante 20 días, contando para iso con 6 máquinas cada día e 12 operarios.

Apoio aos concellos

O Plan de Vialidade Invernal leva consigo poñer a disposición dos 67 concellos da provincia sal de mina para que poidan atender os problemas que se produzan nas estradas municipais debido ás condicións meteorolóxicas adversas. Deste xeito, a Deputación garante, non só que as vías provinciais se manteñan limpas e fóra de risco, senón tamén que os concellos poidan afrontar situacións de emerxencia ou causas sobrevidas en calquera estrada subministrándose dos silos que a Deputación ten pola provincia.

Estes depósitos atópanse en Ourol, O Valadouro, Riotorto, Lugo, Becerreá, O Incio, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, Cervantes, Navia de Suarna, A Fonsagrada e Ribas de Sil. Cada un destes almacéns dispón nestes momentos de 30 toneladas de sal de mina, isto é, dun total de 420 toneladas.

Todos os concellos que precisen abastecerse de fundentes por razóns de urxencia deberán dirixir unha solicitude previa ao Coordinador de Emerxencias da Rede Viaria Provincial co obxectivo de dar unha resposta eficaz e axeitada a cada unha das peticións, así como facer un control ordenado dos recursos.

20 millóns de euros para estradas no 2024

A mellora da mobilidade é unha das liñas de actuación prioritarias da Deputación, tal e como demostra que nos Orzamentos do ano 2024, aprobados polo Pleno esta mesma semana, sobe de novo as partidas destinadas a estradas ata alcanzar os 20M€, un 11% máis ca neste ano 2023. Estes fondos servirán tanto para obra nova, como para conservación, roza e actuacións do Parque Móbil, en estradas provinciais e municipais.

0.17566299438477