A Deputación de Ourense reforza o programa EmprendOU en feminino con 150.000 euros

RibeiraSacraXa | OurenseXa
A iniciativa aumenta un 50% a súa dotación, eleva as axudas por beneficiaria e incorpora unha rede de apoio para o intercambio de experiencias e formación
luis-menor
13 Jul 2026

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou este luns as bases da nova convocatoria do programa EmprendOU en feminino, unha iniciativa destinada a apoiar mulleres emprendedoras que conta este ano con máis orzamento, maiores contías por beneficiaria e novas medidas para favorecer a continuidade dos proxectos empresariais.

O programa, xestionado pola Área de Benestar da Deputación, incrementa a súa dotación económica un 50 %, pasando de 100.000 a 150.000 euros. Ademais, incorpora unha liña específica para apoiar a consolidación das iniciativas que xa recibiron axuda na convocatoria de 2025 e crea a Rede EmprendOU en feminino, un espazo pensado para facilitar o contacto entre emprendedoras, o intercambio de experiencias, boas prácticas e o acceso a formación.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, explicou que a iniciativa naceu en 2023 ao considerar que, especialmente no rural, “o emprendemento feminino é un instrumento de primeira orde para o desenvolvemento económico, cohesión territorial, fixar poboación e reducir a fenda de xénero”.

As axudas estarán dirixidas a mulleres de entre 16 e 35 anos dadas de alta por conta propia en calquera municipio da provincia. Cada beneficiaria poderá recibir unha contía formada por dous tramos: un fixo equivalente ao 75 % do salario mínimo interprofesional mensual, que rolda os 915 euros fronte aos 592 euros da convocatoria anterior, e un segundo tramo complementario. No caso de que quede crédito dispoñible ao finalizar o prazo, o remanente repartirase a partes iguais entre todas as beneficiarias.

A convocatoria deste ano tamén introduce cambios para facilitar o acceso. Así, redúcese de seis a tres meses a antigüidade mínima na actividade esixida e resérvase o 75 % do crédito para iniciativas desenvolvidas en concellos ourensáns de menos de 20.000 habitantes.

Ademais, por primeira vez, o programa contará cunha liña de continuidade para as beneficiarias da edición anterior que manteñan a súa actividade. Estas emprendedoras terán unha tramitación preferente durante os primeiros 30 días hábiles do prazo, co obxectivo de evitar interrupcións nos proxectos xa apoiados.

As solicitudes poderán presentarse desde as 9.00 horas do sétimo día natural posterior á publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia ata o 30 de outubro, salvo que se esgote antes o orzamento dispoñible.

A Deputación incorpora tamén neste exercicio a Rede EmprendOU en feminino, na que poderán participar todas as beneficiarias do programa. Segundo destacou Luis Menor, trátase dun apoio complementario á axuda económica que permitirá crear un espazo de relación entre emprendedoras para compartir experiencias, coñecementos e acceder a actividades formativas.

“Un apoio sen obriga algunha pensado para que ningunha emprendedora afronte en solitario os retos do rural”, afirmou o presidente provincial.

AXUDAS ÁS ANPAS E COLABORACIÓN CON ENTIDADES

Na mesma sesión da Xunta de Goberno tamén se deu conta da resolución da convocatoria de axudas destinadas ás asociacións de nais e pais do alumnado (ANPAS), correspondente ao ano 2025.

A repartición contempla case 45.000 euros, concretamente 44.877,87 euros, entre 34 asociacións beneficiarias. Cada entidade poderá recibir ata un máximo de 2.000 euros para financiar actividades como xornadas lúdicas, accións de convivencia, propostas deportivas, excursións ou programas de conciliación.

Ademais, a Xunta de Goberno aprobou máis de 813.000 euros para cooperación cos concellos e colaboración con entidades. No apartado de apoio a asociacións concedéronse 445.974,35 euros a catorce colectivos dos ámbitos empresarial, profesional, social, sanitario, cultural e deportivo.

Entre as achegas aprobadas figuran 180.000 euros para a Asociación Jóvenes Empresarios de Ourense (AJE Ourense); 38.000 euros para actividades formativas da Asociación Provincial de Autoescolas de Ourense; 24.000 euros para ACAUTO; 5.000 euros para o proxecto “Ruralidade sostenible: Empoderando a las mujeres”, de AFAMMER-OURENSE; e 39.974,35 euros para o programa “Promociona. Éxito educativo do alumnado xitano”, da Fundación Secretariado Gitano.

Tamén se aprobaron 10.000 euros para a Asociación Ourensá de Esclerose Múltiple e Enfermidades Raras; 80.000 euros para a Fundación Asilo Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia; 15.000 euros para o Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense; 18.000 euros para a Fundación Vicente Risco; 9.000 euros para a Cofradía da Veracruz do Carballiño; 4.000 euros para a Área Social do CD La Purísima; 15.000 euros para o Club Carballiño Fútbol Sala e 8.000 euros para a Federación Galega de Karate.

COOPERACIÓN COS CONCELLOS

No ámbito da cooperación municipal aprobáronse cinco achegas por un importe total de 367.563,27 euros destinadas a actuacións relacionadas con abastecemento e bombeo de augas, humanización de rúas, asfaltado de accesos e rehabilitación de inmobles municipais.

O reparto inclúe 86.000 euros para o Concello de San Cristovo de Cea destinados ás obras de canalización de augas no bombeo do polígono empresarial; 125.069,83 euros para O Barco de Valdeorras para a humanización da rúa Igrexa en Vilanova; 96.000 euros para Castrelo de Miño, divididos entre o asfaltado do acceso á plataforma do helicóptero de emerxencias e a renovación da rede de abastecemento de Nogueiredo; e 60.493,44 euros para Ramirás destinados á rehabilitación dun inmoble municipal.

0.12451910972595