A Deputación de Ourense mobiliza máis de 424.000 euros euros en axudas a concellos

RibeiraSacraXa | OurenseXa
As achegas irán destinadas aos municipios de Quíntela de Leirado, A Teixeira, Carballeda de Avia, Bande, Cualedro, San Xoán de Río, Xinzo de Limia, Ribadavia e Cenlle
luis-menor
15 Jun 2026

A Xunta de Goberno da Deputación Provincial de Ourense aprobou unha inversión de máis de 424.000 euros dirixida a infraestruturas, equipamentos e servizos en distintos concellos ourensáns. Estas actuacións inclúen melloras de viais, equipamentos deportivos, mantemento de servizos comunitarios e actividades de carácter social.

Entre as actuacións aprobadas figura unha subvención de 50.000 euros para o Concello da Teixeira destinada á mellora de viais nos núcleos de Abeleda e Cristosende.

No ámbito comunitario e social, a Deputación destina 45.000 euros ao Concello de Carballeda de Avia para gastos de funcionamento da Casa Comunitaria e outros 45.000 euros ao Concello de Quintela de Leirado co mesmo obxectivo. Ademais, apróbase unha achega de 57.150,65 euros para Carballeda de Avia destinada á construción dun Centro Social Multiusos.

Tamén se aproban 4.000 euros para o Concello de Bande destinados ao mantemento do campo de fútbol municipal, así como unha axuda de 2.994,75 euros para o Concello de Cualedro para a organización da súa carreira pedestre.

No caso de Monterrei, a Xunta de Goberno deu luz verde a dúas subvencións: unha de 8.712 euros para o convenio do Balneario de Requeixo, correspondente ás analíticas dos anos 2025 e 2026, e outra de 15.000 euros para a celebración da Festa do Maior deste exercicio.

A institución provincial tamén apoiará a realización do Impact Campus de San Xoán de Río cunha achega de 18.150 euros, así como a organización da Festa do Esquecemento de Xinzo de Limia, que recibe unha subvención de 13.000 euros.

No ámbito deportivo, apróbanse ademais dúas axudas para o Concello de Ribadavia, por importe de 15.000 euros cada unha, destinadas á adquisición dunha máquina de musculación multiusos e dunha estrutura rack multifunción para o Centro Deportivo Municipal O Consello.

Ademais, entre os acordos aprobados destaca especialmente a achega de 150.000 euros ao Concello de Cenlle, correspondente á anualidade de 2026 do convenio plurianual de colaboración subscrito entre ambas institucións para o acondicionamento do campo de fútbol municipal.

Esta actuación supón un investimento global superior aos 402.000 euros, dos que a Deputación achega máis de 362.000 euros distribuídos entre os exercicios 2025, 2026 e 2027.

O proxecto permitirá modernizar e mellorar as instalacións deportivas municipais, favorecendo a práctica deportiva, especialmente entre a mocidade, e reforzando a dinamización social do municipio.

Luis Menor subliñou que esta actuación exemplifica “a filosofía coa que traballa a Deputación, colaborando cos concellos para facer realidade investimentos estratéxicos que melloran a calidade de vida da veciñanza e contribúen ao equilibrio territorial da provincia”.

0.1274528503418