A Deputación de Ourense impulsa unha formación en agricultura rexenerativa aplicada ao viñedo no marco dun proxecto europeo

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
A través do Inorde, a institución promove unha masterclass en Girona con prazas limitadas e inscrición aberta ata o 4 de xullo
quiroga viñedos uvas plantas
25 Jun 2026

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, impulsa unha formación especializada en agricultura rexenerativa aplicada ao viñedo que se celebrará o vindeiro 9 de xullo nas instalacións de The Regen Academy, na Finca Can Font (Girona), un espazo de referencia internacional neste modelo de produción sostible.

A actividade consistirá nunha masterclass presencial impartida por Francesc Font e Nuri Madeo, profesionais con máis de vinte anos de experiencia neste ámbito, que ofrecerán unha formación práctica nunha explotación vitícola na que este sistema se aplica desde hai unha década.

A xornada terá unha duración máxima de sete horas e combinará unha parte teórica cunha visita técnica ás viñas, co obxectivo de coñecer sobre o terreo distintas prácticas orientadas á recuperación da saúde dos solos, á mellora do desenvolvemento do viñedo e á sustentabilidade das explotacións.

As persoas interesadas en participar deberán cumprir as bases da convocatoria e presentar a correspondente solicitude, comprometéndose á aplicación nunha finca propia ou en réxime de alugueiro dalgún dos métodos aprendidos durante a formación. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 4 de xullo de 2026.

Toda a información sobre esta acción formativa e o formulario de solicitude está dispoñible na páxina web da Deputación de Ourense e do Inorde, así como nas súas redes sociais.

Esta iniciativa forma parte do proxecto europeo CIRCULAR ECOSYSTEMS, orientado ao desenvolvemento de ecosistemas territoriais e solucións de economía circular para a prevención da contaminación. O proxecto conta cunha cofinanciación do 75 % a través do programa INTERREG VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, con fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

No proxecto participan, ademais do Inorde, a Fundación Patrimonio Natural de Castela e León, o Concello de Valladolid, a Deputación de Ávila, o Municipio de Guimarães e o Municipio de Matosinhos.

O obxectivo de CIRCULAR ECOSYSTEMS é impulsar accións conxuntas para a prevención da contaminación mediante estratexias territoriais de economía circular e o desenvolvemento de accións piloto con capacidade demostrativa e potencial de replicación.

No caso do Inorde, a acción piloto céntrase na aplicación da agricultura rexenerativa como ferramenta para restaurar a saúde do solo e favorecer un viñedo máis sostible, promovendo prácticas como a poda de respecto, a implantación de cubertas vexetais, a redución da mecanización e o aproveitamento de subprodutos da viña como fertilizantes e biofuncionais.

Estas actuacións buscan mellorar a fertilidade dos solos, incrementar a biodiversidade e alongar a vida útil das explotacións, avanzando cara a unha viticultura máis eficiente e respectuosa co medio ambiente.

0.14423418045044