A Deputación de Ourense e Ribeira Sacra Next reforzan a colaboración e estudan unha futura cátedra de emprendemento vinculada ao territorio

RibeiraSacraXa | OurenseXa
O presidente provincial, Luis Menor, mantivo un encontro co responsable da asociación empresarial, Severino Rodríguez, para analizar novas liñas de cooperación e proxectos de impulso económico
luis-menor-ribeira-sacra-next
21 May 2026

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo unha reunión de traballo co presidente da Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next, Severino Rodríguez, co obxectivo de facer balance da colaboración existente e explorar novas iniciativas de desenvolvemento económico no territorio.

Durante o encontro, ambas partes coincidiron en valorar de forma positiva o traballo realizado ata o momento e o papel da asociación como axente dinamizador do tecido empresarial da Ribeira Sacra. Tamén destacaron o apoio da institución provincial ao seu funcionamento e á promoción de proxectos con impacto na economía local.

Luis Menor subliñou que esta cooperación “ten permitido consolidar unha relación fluída e de confianza cunha entidade que traballa desde o territorio e para o territorio”, e incidiu na necesidade de seguir impulsando iniciativas que contribúan a xerar actividade económica e oportunidades de futuro nunha zona con “enorme potencialidade”.

No marco desta reunión, analizouse a posibilidade de poñer en marcha unha futura cátedra de emprendemento empresarial vinculada á Ribeira Sacra, impulsada desde o ámbito universitario e orientada a sectores como o primario, o agroalimentario e o turístico.

O presidente provincial expresou o interese da Deputación en participar neste proxecto, ao considerar que pode servir como ferramenta de transferencia de coñecemento ao tecido produtivo e de reforzo do ecosistema empresarial da comarca.

Pola súa banda, Severino Rodríguez agradeceu o apoio recibido pola Deputación desde a creación da asociación e afirmou que esta colaboración “foi esencial para poder desenvolver un traballo útil para todo o territorio”. Engadiu ademais que a futura cátedra permitiría “achegar o coñecemento universitario ás empresas da Ribeira Sacra, especialmente ás vinculadas ao sector primario e agroalimentario”, favorecendo o emprendemento e a innovación.

A Deputación de Ourense continuará estudando novas fórmulas de colaboración para facer posible esta iniciativa, no marco da súa estratexia de apoio ao emprendemento e ao desenvolvemento económico sostible da provincia.

0.092710018157959