A Deputación de Ourense destina 350.000 euros a novas axudas para reforzar a viabilidade das explotacións agrarias

A Deputación de Ourense puxo en marcha dúas novas liñas de axudas dirixidas ao sector primario da provincia, dotadas cun total de 350.000 euros, cuxas bases foron aprobadas pola institución provincial o pasado 24 de agosto.
O anuncio reforzouse esta semana cunha visita a unha explotación gandeira de Xunqueira de Espadanedo, na que o presidente provincial, Luis Menor, se reuniu con representantes da Asociación do Sector Primario de Galicia, entidade constituída en Ourense, e co alcalde do municipio, Pablo Graña. Durante o encontro salientouse que estas axudas responden aos compromisos adquiridos o pasado mes de xaneiro, no marco das mobilizacións protagonizadas por gandeiros e agricultores que reclamaban medidas para protexer a súa actividade fronte ás dificultades do mercado.
Segundo explicou Menor, agárdase a presentación dun elevado número de solicitudes, o que ao seu xuízo confirma que, grazas á colaboración coa asociación, a institución logrou axustar a súa resposta ás demandas reais do sector. O presidente adiantou tamén que, unha vez avaliadas todas as peticións, se valorará a posibilidade de ampliar a dotación económica e mellorar as condicións destas axudas, co obxectivo de incidir sobre o territorio e garantir a continuidade das explotacións agrícolas e gandeiras. Así mesmo, destacou que este tipo de iniciativas evidencian o papel da administración provincial como unha entidade que actúa de forma directa sobre as persoas e o territorio.
Dúas convocatorias diferenciadas
A primeira das convocatorias está orientada a actuacións de prevención de incendios forestais e de apoio á gandería e ás explotacións agrícolas, cunha dotación de 200.000 euros repartida en dúas modalidades: 25.000 euros destinaranse a gasto corrente, concretamente a financiar a recollida, o transporte, o tratamento e a reciclaxe de plásticos agrícolas xerados nas explotacións; os 175.000 euros restantes resérvanse para investimento, co fin de sufragar a compra de maquinaria destinada á prevención de incendios e á xestión de biomasa.
A segunda convocatoria ten como finalidade impulsar a recría de femias de gando vacún, ovino e caprino en explotacións de carácter extensivo, cunha partida de 150.000 euros. Desta cantidade, 130.000 euros destinaranse ao gando bovino, mentres que os 20.000 euros restantes irán dirixidos ao ovino e caprino.
O prazo para presentar as solicitudes a ambas as dúas convocatorias remata o próximo 25 de setembro.