A Deputación de Lugo reúne no Pazo de Tor unha vintena de colectivos para reflexionar sobre o papel transformador da cultura

RibeiraSacraXa
O encontro enmarcouse no proxecto "Escola, Cultura e Territorio", promovido xunto á Deputación da Coruña e o Consello da Cultura Galega
xornada-boas-practicas-culturais-pazo-de-tor
14 Jul 2026

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo celebrou este luns na finca de Tor, en Monforte de Lemos, o primeiro Encontro de Boas Iniciativas Culturais, unha xornada que reuniu a preto dunha vintena de colectivos e profesionais da provincia para compartir experiencias e debater sobre o papel da cultura como ferramenta de transformación social.

A iniciativa forma parte do proxecto "Escola, Cultura e Territorio", impulsado polas áreas de Cultura das deputacións de Lugo e da Coruña en colaboración co Consello da Cultura Galega.

Na inauguración participaron a deputada de Cultura, Iria Castro; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra; e o asesor cultural da Deputación da Coruña, Xavier Campos, quen coincidiron en defender unha visión ampla das políticas culturais.

Durante as súas intervencións destacaron que "a política cultural é máis que programación de espectáculos; é unha ferramenta de transformación social, de fortalecemento da autoestima colectiva e da identidade".

Iria Castro puxo ademais en valor a elección do Pazo de Tor como sede do encontro, lembrando que a súa apertura como museo e a creación da Rede Museística Provincial, que este ano celebra dúas décadas de traxectoria, representaron unha aposta por descentralizar a cultura, reforzar a presenza no rural e crear comunidade.

A xornada estruturouse arredor de varias mesas de traballo. A primeira abordou a profesionalización da cultura, con experiencias de entidades como Outonía Cooperativa, Gaita Filmes, a Asociación Ser, a Asociación Amigos de Manuel Jorge de Chantada ou a Trienal de Sarria, que presentaron modelos de xestión sustentables e iniciativas con impacto económico e social.

A segunda mesa centrouse na posta en valor da identidade local, da memoria histórica e do patrimonio cultural, coa participación de proxectos como Mariña Patrimonio, Fundación Legar, Son d'Aldea, Espazo Caritel e o programa de divulgación arqueolóxica desenvolvido arredor dos xacementos da Pobra do Brollón.

A xornada completouse coa exposición de iniciativas de asociacionismo cultural e participación cidadá como a Foliada da Fonsagrada, o Breason, o Castañazo Rock, o Fancine de Lemos ou o Teatro das Cortes, exemplos de proxectos que contribúen a dinamizar o territorio, fortalecer o tecido social e fomentar a participación da comunidade a través da cultura.

0.12230706214905