A Deputación de Lugo renova o seu apoio ao Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra ás portas da decisión da UNESCO

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, formalizou este martes a renovación do convenio anual de colaboración co Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, nun acto celebrado no miradoiro de Santiorxo, coincidindo coa conta atrás para a decisión da UNESCO sobre a candidatura da comarca a Patrimonio Mundial.
A institución provincial achega 25.000 euros a un convenio dotado con 160.000 euros, destinado a garantir o funcionamento da estrutura técnica e administrativa do Consorcio e a impulsar proxectos de promoción e xestión do destino turístico.
O acordo permitirá continuar coa execución de iniciativas estratéxicas, a captación e xestión de fondos doutras administracións, o apoio aos concellos e ao sector turístico, así como a coordinación de actuacións orientadas ao desenvolvemento sostible da comarca.
Entre o 20 e o 29 de xullo, o Comité do Patrimonio Mundial da UNESCO reunirase en Busán (Corea do Sur) para decidir sobre a candidatura da Ribeira Sacra. Neste contexto, Carmela López destacou a necesidade de seguir impulsando "un modelo sostible que protexa o territorio" e reforzar a cooperación institucional.
A presidenta sinalou que o convenio contribúe a consolidar unha estratexia que, con independencia da resolución da UNESCO, busca protexer a paisaxe e o patrimonio, fortalecer o tecido económico e favorecer a fixación de poboación na comarca.
A Deputación reafirma así o seu compromiso coa Ribeira Sacra e cun modelo de desenvolvemento turístico baseado na colaboración entre administracións, a conservación do patrimonio e a creación de oportunidades económicas e sociais para o territorio.