A Deputación de Lugo reclamará á Xunta de Galicia que axilice o desdobramento do corredor Lugo-Monforte

LugoXa | RibeiraSacraXa
O presidente da Deputación, José Tomé Roca, explicou que con esta iniciativa pretenden “que a Xunta de Galicia cumpra co compromiso que ten adquirido"
estrada-lugo-sarria-corredor-alta-velocidade
estrada-lugo-sarria-corredor-alta-velocidade
25 Xuño 2024

A Deputación de Lugo reclamará novamente á Xunta de Galicia que axilice o proceso de contratación que permita avanzar nas obras para desdobrar o corredor entre Lugo e Monforte de Lemos. A moción, presentada polos socialistas, foi aprobada por unanimidade cos votos a favor do PSdeG, do BNG e do PP.

Antes de comezar coa sesión provincial, o presidente da Deputación, José Tomé Roca, explicou que con esta iniciativa os socialistas pretenden “que o PP, a Xunta de Galicia, cumpra co compromiso que ten adquirido. Hai que recordar que no Parlamento de Galicia hai unha votación unánime dese desdobramento desde Nadela ata Monforte. Certo é que as prioridades son de Sarria ata Lugo, pero hai que ir desenvolvendo xa proxectos e os estudos pertinentes para continuala ata Monforte, para que comunique Lugo coa A-76”.

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, lembrou pola súa parte que, como xa defenderan no Pleno do mes de marzo, “estamos ante unha oportunidade histórica de vertebrar a provincia, porque estamos falando de conectar o centro co sur do noso territorio. A Ribeira Sacra é unha comarca moi poboada e moi atractiva turisticamente, o que fai que sexan precisas unhas boas comunicacións que agora non temos”, argumentou o deputado. E fixo referencia a que hai tres meses a sesión provincial acordou urxir á Xunta a redacción dun proxecto global para executar o desdobramento dos quilómetros que faltan para completar o corredor, un total de 54.

Explicou Rivera Capón que tras un acto celebrado este mes no concello do Páramo, ao que acudiu Alfonso Rueda, a propia Xunta de Galicia colgou na súa páxina web unha nota de prensa na que se pode ler que, “o segundo e último treito que se ampliará do corredor Nadela- Sarria, de 13,5 km, beneficiará a preto de 100.000 usuarios, sen ter en conta aos transportistas”. Tratando, dixo o deputado, de converter a AG-22, a autovía Lugo-Monforte, na autovía Lugo-Sarria, “nun intencionado exercicio de renomear as cousas para disimular o incumprimento coa capital da Ribeira Sacra”.

Valorou Rivera Capón que esta é unha infraestrutura con moito tráfico e que a conversión da totalidade do trazado en autovía responde a unha demanda social, referendada por varios acordos tamén unánimes no Parlamento de Galicia, pero “que vén atopando atrancos e atrasos cos que a Xunta de Galicia está desenvolvendo este proxecto”.

0.18375301361084