A Deputación de Lugo reclama un pacto galego contra o transfuguismo político blindado por lei

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O Pleno aprobou, neste caso por unanimidade, MencIA, a estratexia de intelixencia artificial da Deputación
pleno-de-maio-deputacion-equipo-de-goberno
26 May 2026

O Pleno da Deputación de Lugo celebrado este martes sacou adiante unha iniciativa para reclamar un pacto galego contra o transfuguismo político blindado por Lei, co obxectivo de “reforzar a estabilidade institucional, a lealdade democrática e o respecto á vontade expresada pola cidadanía nas urnas”. Así se acordou tras unha moción socialista aprobada co apoio do propio PSdeG, o BNG e o Deputado non adscrito, e cos únicos votos en contra do PP.

“A resposta cidadá foi rotunda, miles de persoas concentráronse na maior mobilización política rexistrada en Lugo en moitos anos. Non podemos permitir que se modifique así a vontade dos veciños e veciñas e tampouco que as mocións de censura queden amparadas por prácticas de transfuguismo”, valorou a Presidenta da institución provincial, Carmela López, antes de entrar ao Salón de Plenos da sede provincial.

Durante o debate, a voceira Socialista do Goberno, Pilar García Porto, sostivo que o ocorrido no Concello de Lugo “abre un debate de fondo sobre os límites éticos do transfuguismo político”, e advertiu de que “non se pode normalizar que maiorías saídas das urnas se alteren a través da deslealdade política”.

Sinalou que a moción de censura “é un instrumento plenamente legal e lexítimo do noso ordenamento democrático. Pero o seu uso non pode ampararse na mera literalidade da norma cando contradí de fronte o seu espírito. A democracia representativa sostense sobre un principio elemental, e é que a vontade popular expresada nas urnas constitúe a fonte de credibilidade máis importante das institucións públicas”. Concluíndo que cando ese mandato se altera comprando vontades individuais, o que se debilita é a confianza da cidadanía no propio sistema democrático.

García Porto argumentou ademais que “o problema é converter a traizón política nun mecanismo útil para chegar ao poder”, e criticou que o Partido Popular “normalice prácticas que debilitan a confianza cidadá nas institucións”.

O texto aprobado recolle, entre as diferentes medidas, instar ao PP a dar cumprimento estrito ao artigo 14.2 dos seus propios estatutos, que tipifican como “infracción moi grave” valerse de tránsfugas para constituír ou cambiar maiorías de goberno nas institucións públicas; e en consecuencia, a incoar o correspondente expediente disciplinario ás persoas responsables da operación no Concello de Lugo. E rexeitar o anuncio do presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, de promover unha modificación dos estatutos do partido nese sentido, co fin de eliminar ou debilitar esa tipificación.

UNANIMIDADE PARA O PROXECTO MENCIA

O Pleno da Deputación de Lugo celebrado este martes aprobou por unanimidade MencIA, a estratexia de intelixencia artificial da institución provincial. Así se acordou na sesión ordinaria da corporación provincial celebrada esta mañá no Pazo de San Marcos, tras a proposta de Goberno que fixa os marcos do proxecto de IA propio a desenvolver entre o 2026 e o 2030. A iniciativa saíu adiante cos votos favorables de todas as forzas políticas con representación, PSdeG, BNG, o Deputado non adscrito e PP.

A Presidenta da institución, Carmela López, destacou á entrada do Pleno que “a Deputación de Lugo será a primeira de Galicia, e das primeiras de España, en ter unha IA propia. Algo que nos permitirá ter soberanía tecnolóxica e unha axuda moi importante en tarefas mecánicas e de baixo valor”. Nese sentido, asegurou que será un valor diferencial do proxecto e unha decisión política “de primeira orde, que os datos dos lucenses non saian de Lugo” e tamén apuntou que a tecnoloxía “non vén a substituír, quen decide segue sendo unha persoa, porque manda a Administración pública, non un algoritmo”.

Nese sentido, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, sinalou durante o Pleno que estas dúas decisións de fondo “transformarán o funcionamento da Deputación por dentro; e por fóra, levando este mesmo modelo aos 67 concellos da provincia e a toda a veciñanza”. “MencIA vai permitir que esta provincia, das máis envellecidas e dispersas de España, teña os mesmos servizos dixitais que unha gran cidade”.

A IA da Deputación falará en galego, “porque se os algoritmos do mundo non aprenden o galego, o galego desaparecerá dos algoritmos; e o que desaparece dos algoritmos, dentro de vinte anos, desaparece da vida”. Polo tanto, concluíu o Deputado, trátase dunha cuestión “de supervivencia, non só unha cuestión técnica”.

Rivera finalizaba asegurando que a intelixencia artificial vai chegar á Administración pública de toda España nos vindeiros anos, e que ante a pregunta de se Lugo a importaba ou a construía aquí, “hoxe este pleno responde con MencIA: construímola aquí”.

Entre as cuestións aprobadas nesta iniciativa, o texto recolle tamén a constitución formal dun Comité de Gobernanza da IA da Deputación de Lugo coa composición prevista na estratexia, que garanta a representación dun membro de cada grupo político con presenza no Pleno; a oficina provincial de IA como órgano executivo do Comité; e impulsar a posta en marcha do Rexistro Provincial de Sistemas de IA. Ademais, o texto íntegro da estratexia de intelixencia artificial quedará publicado nos vindeiros días no portal de transparencia da Deputación de Lugo e na páxina web da entidade.

O PP logra o apoio para un GES en Cervantes pero rexeitan o seu novo plan turístico

O Grupo Provincial Popular conseguiu sacar adiante no pleno da Deputación de Lugo unha iniciativa para estudar a posible creación dun Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) en Cervantes co obxectivo de mellorar a cobertura de emerxencias na Montaña lucense. A proposta foi aprobada cos votos favorables do PP e a abstención de PSOE e BNG.

O portavoz popular, Antonio Ameijide, defendeu a necesidade de reducir os tempos de resposta ante incendios, accidentes ou incidencias graves nunha zona especialmente condicionada pola dispersión da poboación, a complexidade orográfica e o elevado risco forestal. O popular lembrou que a desaparición dos antigos GES da Fonsagrada e Becerreá deixou a comarca nunha situación de “desamparo” e reclamou “coherencia e altura de miras” a socialistas e nacionalistas, lembrando que hai apenas un mes o pleno aprobara por unanimidade impulsar a recuperación dos servizos de emerxencias nas áreas con menor cobertura.

Ameijide incidiu en que a lexislación vixente atribúe ás deputacións competencias en materia de emerxencias e protección civil nos municipios de menos de 20.000 habitantes, unha responsabilidade que tamén foi ratificada pola xustiza na sentenza relativa ao GES de Cervo. Ademais, subliñou que a Xunta de Galicia xa expresou a súa disposición a financiar o 50% do custo de implantación e posta en marcha do servizo.

Na mesma sesión plenaria, PSOE e BNG votaron en contra doutra iniciativa do PP para impulsar un novo Plan Estratéxico de Turismo coordinado cos 67 concellos da provincia, cos profesionais do sector e co Consello Provincial de Turismo. Antonio Ameijide criticou a “ausencia de liderado” do goberno provincial e denunciou que a Deputación “vive das rendas” de proxectos impulsados en anteriores mandatos do Partido Popular.

O portavoz popular censurou que Lugo leve “seis anos cun plan turístico caducado” e acusou ao executivo provincial de non traballar na promoción exterior nin na desestacionalización turística, mentres outras provincias apostan polo turismo deportivo, gastronómico, termal ou de grandes eventos. Tamén criticou o abandono de infraestruturas turísticas como o complexo de Augas Mestas, os clubs náuticos ou os miradoiros, ademais da falta de mantemento das rutas fluviais da Ribeira Sacra.

Ameijide defendeu o turismo como “un sector estratéxico” para a economía lucense e puxo en valor o traballo de hostaleiros, autónomos, concellos e Xunta fronte ao que cualificou como “letargo” da Deputación. Tamén lamentou as críticas de PSOE e BNG ao Xacobeo e á marca Galicia Calidade, asegurando que “lles molesta todo”. Segundo o PP, o único avance do actual goberno foi a creación do Consello Provincial de Turismo, que consideran “un organismo baleiro de contido”.

O BNG defende o uso do galego e apoia a mobilización de Galiza pola Paz

O grupo provincial do BNG advertiu no pleno deste martes do posicionamento “ultra” contra o galego do Partido Popular, que está a deixar as peores cifras da historia sobre o uso e coñecemento da lingua.

“O 35 por cento dos nenos entre os 5 e 14 anos non saben falar galego”, lembrou a portavoz nacionalista Iria Castro, remitíndose ás estatísticas do IGE. “Os datos son o resultado das súas políticas negacionistas do galego (..), da falta de desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización que se aprobou en 2004 (...) ou do mal chamado Decreto do Plurislingüismo”, enumerou a deputada nacionalista.

“O galego resúltalles molesto e a ansia pódelles tanto que eliminaron a concellería de Promoción da Lingua no Concello de Lugo na semana das Letras Galegas”, lembrou a deputada nacionalista, que denunciou tamén actuacións da Xunta que relegan o galego no entorno audiovisual e dixital, como a primacía do español como lingua predeterminada en webs oficiais da Xunta de Galiza.

A moción, aprobada polo pleno malia a oposición do PP, esixe á Xunta de Galiza medidas para reverter a situación de emerxencia lingüística e garantir o futuro da lingua, como a derrogación do decreto do plurilinguismo que prohibe a impartición de materias científicas en galego nas aulas, e incide nas actuacións no eido audiovisual e dixital. Entre outras medidas, reclama ao goberno a inclusión do galego de xeito transversal nos proxectos de lei de Intelixencia Artificial.

O pleno aprobou tamén a proposta do BNG en apoio ás reivindicacións da plataforma Galiza pola Paz, que ten convocada unha mobilización contra a carreira armamentística e a favor da cooperación e o diálogo nas relacións internacionais para o vindeiro sábado en Vigo.

Na súa intervención, a portavoz nacionalista Iria Castro incidiu na necesidade dunha resposta cidadá á “cultura da guerra” que se está a promover “con actos de exhibición militar en centros de ensino ou o despregamento da garda real por toda a provincia” para xustificar o gasto militar.

A este respecto, a deputada lembrou que a carreira armamentística promovida pola OTAN está a alimentar conflitos en todo o planeta, provocando milleiros de vítimas civís nos países directamente afectados e dificultando o día a día das familias traballadoras en Galiza e no resto do mundo co encarecemento dos combustibles ou dos alimentos.

0.13499712944031