A Deputación de Lugo promove o feminismo a través do humor co espectáculo 'Risas con perspectiva feminista'


A Deputación de Lugo aposta polo humor como ferramenta de sensibilización a través do espectáculo Risas con perspectiva feminista, unha proposta que aborda a igualdade cun ton humorístico, da man de Arantxa Treus e Jazmín Abuín, dúas artistas referentes do humor galego actual, e que chegará este sábado a Taboada.
Mediante esta representación, o dúo cómico Sobria e Serena ofrece ao público unha proposta diferente na que a comedia e as risas están garantidas desde unha mirada crítica e comprometida, abordando cuestións cotiás relacionadas co machismo, os roles sociais ou as desigualdades, pero sempre desde a proximidade, a retranca e a conexión co público.
Arantxa Treus e Jazmín Abuín destacan pola súa capacidade para combinar comedia e mensaxe social sen perder frescura nin naturalidade. En Risas con perspectiva feminista, ambas artistas logran construír un espectáculo dinámico, cheo de situacións recoñecibles e historias reais coas que moitas persoas se sentirán identificadas, achegando o feminismo a toda a cidadanía cun enfoque humorístico comprometido que, durante 90 minutos, fará gozar ao público asistente ao tempo que promove a reflexión dun xeito áxil e próximo.

O espectáculo enmárcase no compromiso da Deputación de Lugo coa promoción da igualdade de maneira transversal entre a poboación e forma parte dunha proposta máis ampla que está a percorrer a provincia desde o mes de abril. Da man da institución provincial, Risas con perspectiva feminista xa pasou polos municipios de Vilalba e Foz e, tras a función deste sábado en Taboada, Arantxa Treus e Jazmín Abuín pecharán o seu percorrido o 24 de maio en Sarria.
A representación, dirixida a público adulto, terá lugar este vindeiro 16 de maio ás 19:00 horas no Cuartel Vello de Taboada, con entrada libre e gratuíta ata completar aforo.