A Deputación de Lugo programa humor, teatro e reflexión para conmemorar o 25N

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A proposta desenvolverase entre o 21 de novembro e o 10 de decembro e inclúe espectáculos, accións educativas e encontros con referentes na prevención da violencia contra as mulleres
Perfomance-25N-en-2025-Deputacion-Lugo
14 Nov 2026

A Deputación de Lugo prepara unha programación especial con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que combinará teatro, humor, actividades educativas e espazos de reflexión. A iniciativa desenvolverase entre o 21 de novembro e o 10 de decembro e pretende implicar diferentes públicos na prevención das violencias machistas e na eliminación dos prexuízos que contribúen a perpetualas.

A deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, explicou que a intención é achegar estas cuestións á cidadanía a través de formatos diversos, capaces de promover a reflexión e a concienciación social. Segundo sinalou, a institución busca "conectar coa cidadanía, facer pensar e contribuír a desmontar prexuízos".

A primeira actividade terá lugar o sábado 21 de novembro, ás 19.00 horas, no salón de actos do Pazo de San Marcos. Alí actuará o dúo galego Sobria e Serena, formado por Arantxa Treus e Jazmín Abuín, co monólogo "Risas con perspectiva feminista". As dúas intérpretes, que comezaron a súa traxectoria nas redes sociais, combinan humor cotián e irreverente con teatro e actuacións en distintos escenarios galegos. A súa proposta emprega a comedia e a retranca para abordar cuestións sociais desde unha perspectiva reivindicativa.

A programación continuará o domingo 22 de novembro, ás 12.00 horas, no mesmo espazo, coa representación de "Golpes", da compañía galega aAntena. A peza, escrita e dirixida por Xosé Leis e protagonizada pola actriz lucense Estíbaliz Veiga, conta a historia de Pamela, unha moza que vai cedendo ante distintas situacións cotiás ata converterse en vítima de violencia machista.

A obra pretende axudar a identificar os micromachismos e os primeiros sinais de violencia que poden aparecer nas relacións afectivas. A través da historia da protagonista, aborda cuestións como os estereotipos de xénero, o amor romántico e as condutas violentas que poden chegar a normalizarse durante a adolescencia e noutras etapas da vida. Tras a función haberá unha análise audiovisual, un debate guiado e unha charla sobre a pedagoxía do consentimento, na que se tratarán aspectos como a liberdade de decisión, a comunicación, o respecto polos límites, a presión do grupo e a responsabilidade afectiva.

O acto central desenvolverase o mércores 25 de novembro. Marisol Morandeira será a encargada de ler o manifesto institucional aprobado previamente pola xunta de voceiros da Deputación. A institución tamén colocará lonas negras no balcón de Presidencia e distribuirá paraugas e calendarios con datos e información sobre a violencia de xénero.

A xornada incluirá ademais a acción simbólica "En camiño contra as violencias", protagonizada polo alumnado da Escola de Formación Audiovisual da Deputación, que celebra o décimo aniversario do proxecto. Os estudantes realizarán unha lectura coral e unha intervención visual na que percorrerán un camiño de pegadas ata unha pancarta colectiva. Nela cubrirán palabras relacionadas coas violencias machistas para deixar visibles conceptos como o respecto e a liberdade. A actividade rematará cun berro colectivo.

A programación estenderase tamén a outros municipios da provincia. O venres 4 de decembro, ás 10.30 horas, o auditorio municipal de Vilalba acollerá o monólogo "Esto no es amor", de Marina Marroquí, dirixido ao alumnado de Secundaria e Bacharelato. A proposta xa supera as 400 inscricións de centros educativos da Mariña e da Terra Chá.

Marroquí é educadora social, escritora e supervivente da violencia machista durante a adolescencia. A través dun formato didáctico que combina humor e reflexión, percorre centros educativos de todo o Estado para desmontar os mitos do amor romántico e ensinar a detectar comportamentos de control, tamén nas redes sociais. A súa traxectoria foi recoñecida con galardóns como o Premio Menina. Os centros interesados en participar poden solicitar información e formalizar a inscrición no correo mullereigualdade@deputacionlugo.org ou no teléfono 982 260 029.

O ciclo rematará o 10 de decembro, coincidindo co Día dos Dereitos Humanos, cun encontro con Amelia Tiganus. A escritora, formadora e activista feminista intervirá ás 19.00 horas no salón de actos da Deputación para abordar a violencia sexual e a trata de mulleres con fins de explotación sexual.

Tiganus, supervivente do sistema prostitucional, é unha das voces destacadas na denuncia da violencia sexual, da industria pornográfica e da explotación de mulleres. A súa experiencia persoal converteuse nunha ferramenta de divulgación e formación a través de libros como "La revuelta de las putas". O Ministerio de Igualdade recoñeceu o seu labor na defensa dos dereitos humanos das mulleres.

Morandeira subliñou que a Deputación mantén políticas de igualdade durante todo o ano, pero considera que estas datas permiten intensificar o traballo de prevención e sensibilización. A deputada incidiu especialmente na importancia de chegar á mocidade, ao tempo que destacou o apoio técnico e económico que a institución presta ás asociacións e aos concellos para estender as accións formativas e de concienciación por toda a provincia.

0.16359710693359