A Deputación de Lugo licita a concesión do complexo turístico de Augas Mestas

RibeiraSacraXa
As persoas ou empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas durante un prazo de dez días hábiles
balneario-augasmestas
8 Jul 2026

A Deputación de Lugo publicou o prego de condicións para a concesión do complexo turístico de Augas Mestas, un procedemento que se tramitará mediante concorrencia pública e adxudicación por concurso.

A concesión terá unha duración inicial de cinco anos, que comezarán a contar desde o día seguinte á formalización do correspondente documento administrativo. Unha vez rematado ese período, poderá acordarse unha prórroga expresa de mutuo acordo entre as partes por un máximo doutros cinco anos, distribuídos en dous períodos de dous anos e un último dun ano.

O canon mínimo fixado para a explotación das instalacións é de 500 euros mensuais, o que supón 6.000 euros anuais, aos que haberá que engadir os impostos correspondentes.

As persoas ou empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas durante un prazo de dez días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación do anuncio de licitación no perfil do contratante da Plataforma de Contratos do Sector Público.

Desde a Concellería de Turismo e o Concello de Quiroga amosan a súa satisfacción pola posta en marcha deste proceso, ao considerar que a recuperación da actividade no complexo de Augas Mestas é unha actuación de grande importancia para o conxunto da comarca. Neste sentido, destacan tamén que os esforzos realizados para favorecer a reactivación deste enclave comezan a dar resultados.

O complexo de Augas Mestas dispón de diferentes servizos e instalacións destinados ao uso turístico e de lecer, entre eles un cámping, unha área recreativa, estacionamento para autocaravanas, cafetería, piscina, aseos e duchas. Ademais, conta con cinco bungalós e varias edificacións rehabilitadas que forman parte do conxunto.

0.14035511016846