A Deputación de Lugo inviste máis de 330.000 euros para reforzar o muro da LU-P-1801 e reabrir o tramo entre Os Peares e Chantada

RibeiraSacraXa
A estrada leva semanas pechada ao tráfico por problemas de estabilidade na infraestrutura
arranxo-strada-chantada-os-peares
8 May 2026

A Deputación de Lugo está a executar xa os traballos de reforzo do muro de contención que permitirán reabrir a estrada LU-P-1801, no tramo que conecta Os Peares con Chantada, pechado ao tráfico desde hai semanas por problemas de estabilidade na infraestrutura.

A incidencia sitúase no punto quilométrico 14,5, á altura da parroquia de Nogueira de Miño, onde se detectou o desprazamento dun tramo do muro duns 35 metros. Tras a realización dun estudo xeotécnico do terreo, os técnicos iniciaron a fase de obra para estabilizar a zona.

A actuación consiste na instalación dunha pantalla de micropilotes reforzada con ancoraxes, unha solución que permitirá consolidar a estrutura e garantir a seguridade necesaria para a reapertura da vía. Os traballos foron adxudicados á empresa Xermolo S.A., cun prazo de execución previsto de catro meses.

Desde que se detectou o problema, a estrada permanece pechada debido á complexidade da intervención, condicionada pola orografía do terreo e pola súa proximidade ao leito do río Miño, nun contorno con presenza de viñedos e tráfico local.

O orzamento da actuación supera os 330.000 euros e forma parte do programa de obras urxentes da Deputación de Lugo para a conservación e mellora da rede viaria provincial.

0.11825084686279