A Deputación de Lugo e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia levaron a Quiroga un obradoiro para combater a desinformación

RibeiraSacraXa
A iniciativa ofreceu ferramentas para identificar contidos falsos e facer un uso máis crítico da información
obradoiro-desiinformación-quiroga
18 Jul 2026

A Casa da Cultura de Quiroga acolleu esta semana un obradoiro centrado na desinformación, unha actividade promovida pola Deputación Provincial de Lugo en colaboración co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia co obxectivo de ofrecer á cidadanía ferramentas para identificar contidos falsos ou manipulados e fomentar un consumo máis responsable da información.

O alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, e o concelleiro de Turismo, Vicente Parra, foron os encargados de dar a benvida ás persoas asistentes antes do inicio da charla-coloquio. A sesión estivo impartida por Pilar Rodríguez Losada, xornalista con ampla traxectoria profesional como redactora e editora na Televisión de Galicia e nas plataformas dixitais da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.

Como o resto das persoas encargadas destes obradoiros, Rodríguez Losada recibiu formación específica en alfabetización mediática para trasladar á cidadanía estratexias que permitan recoñecer e combater con maior eficacia a desinformación.

Durante a actividade analizouse o funcionamento das noticias falsas e doutros contidos enganosos, o impacto que teñen na sociedade e os mecanismos que poden empregarse para comprobar a veracidade da información antes de compartila. A sesión combinou explicacións teóricas con exemplos prácticos para facilitar que as persoas participantes adquirisen habilidades aplicables ao seu día a día.

Con este programa, a Deputación Provincial de Lugo pretende reforzar a formación da cidadanía e promover unha sociedade máis crítica, informada e preparada fronte aos desafíos que presenta a comunicación na actualidade.

A colaboración co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia permite estender estas accións formativas a diferentes concellos da provincia, favorecendo o acceso á educación mediática e á alfabetización informativa en todo o territorio.

0.12980103492737