A Deputación de Lugo e a Federación Galega de Comercio presentan en Monforte 'O gran sorteo do pequeno comercio de Lugo'

A campaña 'O gran sorteo do pequeno comercio de Lugo' continuou esta semana o seu percorrido pola provincia cunha parada en Monforte de Lemos, onde se deu a coñecer de novo a iniciativa que premiará cun vehículo híbrido a unha das persoas participantes.
No acto estiveron presentes o presidente da Federación de Comercio de Lugo e da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, e o deputado de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera. Acompañaron tamén a presentación o alcalde de Monforte, José Tomé, xunto a outros membros da corporación municipal, así como representantes do Centro Comercial Urbano (CCU) da localidade.
Esta campaña busca estimular o consumo nos establecementos de proximidade da provincia durante as semanas que separan dous períodos comerciais de peso, como son a volta ao cole e o Nadal, animando a que o gasto das familias se dirixa cara ao comercio local.
Seijas definiu a proposta como "unha ambiciosa e ilusionante iniciativa", enmarcada no obxectivo compartido pola Federación de Comercio e a Deputación de Lugo de fortalecer o tecido comercial, dinamizar a economía provincial e fomentar tanto a sensibilización como a participación dos consumidores.
O dirixente salientou ademais o papel do comercio de proximidade, ao que atribuíu ser o motor que "dá vida, emprego e riqueza" ás vilas da provincia. Nun contexto marcado pola suba xeneralizada do custo da vida, que complica a situación de moitas economías familiares, defendeu que era necesario "dar un paso adiante" cun sorteo dun premio "de impacto" e atractivo para calquera consumidor, pero tamén sostible. De aí a elección dun vehículo híbrido como galardón.
Como participar
Poden tomar parte no sorteo todas aquelas persoas que realicen compras nos comercios da provincia de Lugo, entre o 20 de outubro e o 30 de novembro deste 2026, por un importe igual ou superior a 10 euros. Para iso, deben rexistrar os seus tíckets de compra na páxina web habilitada para a campaña, www.sorteocomercio.es/coche. Segundo os datos dispoñibles ata o momento, a participación xa se aproxima aos 29.000 tíckets rexistrados.
O sorteo que determinará a identidade da persoa gañadora do vehículo celebrarase ante notario o vindeiro 3 de decembro. Posteriormente, levarase a cabo un acto público de entrega do premio na Praza de San Marcos de Lugo.